Belas Artes, Xestión Pública e Forestais comezarán o curso con docencia 100% presencial

As facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fisioterapia e Escola de Enfermería optan pola presencialidade parcial
Exterior de la Escola de Enxeñería Forestal. ADP
photo_camera Exterior da Escola de Enxeñería Forestal. ADP

O curso 2020-2021 arrancará na Universidade de Vigo marcado polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, que impoñen a docencia mixta, agás no caso daquelas titulacións que poden garantir as condicións para o desenvolvemento dunha actividade académica presencial, ben sexa total, ben parcial.

Á espera de que nas próximas semanas novas titulacións se poidan sumar á relación, o Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento na súa sesión deste mércores, que unha decena de graos e 24 mestrados comezarán a impartirse o vindeiro curso en modalidade totalmente presencial, mentres que outros 20 graos serán parcialmente presenciais, adoptándose nos 23 restantes a modalidade mixta, que combina actividades docentes presenciais e non presenciais.

En Pontevedra os graos de Belas Artes, Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública serán os que comecen o vindeiro curso impartíndose se xeito presencial; no campus de Vigo seis son os graos que apostan pola docencia integramente presencial: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Comercio; Enxeñaría en Tecnoloxías da Telecomunicación en castelán/ galego e en inglés; Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría dos Recursos Mineiros, mentres que no campus de Ourense será Enxeñaría Agraria o único grao no que a docencia sexa totalmente presencial.

Outros 20 graos comezarán a impartirse de forma parcialmente presencial, o que quere dicir que a presencialidade darase unicamente para algúns grupos dalgunhas materias, algúns cursos, obradoiros ou prácticas clínicas, manténdose a docencia mixta noutras partes das titulacións.

"Debemos sentirnos orgullosos por esta oferta cun alto grao de presencialidade, se se compara con outras universidades"

Esta presencialidade parcial aplicarase nalgúns casos en titulacións das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fisioterapia e na Escola de Enfermaría en Pontevedra e nas facultades de Filoloxía e Tradución, Bioloxía, Química e na Escola de Enfermaría do Meixoeiro no campus vigués. Ademais, esta presencialidade parcial aplicarase nalgúns casos en titulacións das facultades de Ciencias, Historia, Ciencias Empresarias e Turismo e Ciencias da Educación e do Traballo e na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus de Ourense.

Estes graos supoñen o 38% da oferta total da UVigo, que se completa con 23 títulos de grao máis nos que se implantará a docencia mixta. Polo que respecta á oferta de mestrados para o vindeiro curso, ademais dos presenciais, complétase con seis títulos sen cambio de modalidade, nos que xa combinaba a virtualidade e a presencialidade, e 30 nos que se implantará docencia mixta.

Ademais de aprobar por asentimento esta reorganización da docencia para o vindeiro curso, as e os integrantes do Consello tamén deron luz verde á realización de actividades antes do inicio do período académico, concretamente entre os días 7 e 18 de setembro.  Neste caso serán a EE Forestal en Pontevedra; as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas, Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial no campus de Vigo, e as facultades de Ciencias, Dereito, Ciencias da Educación e a ES de Enxeñaría Informática no campus de Ourense as que nese período desenvolverán actividades docentes (agás para 1º curso), de acollida, de fin de carreira, ou prácticas.

SATISFACCIÓN. "Debemos sentirnos orgullosos por esta oferta cun alto grao de presencialidade, se se compara con outras universidades", dixo o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que agradeceu o esforzo realizado polos centros para acondicionar as súas instalacións e a carga de traballo do seu persoal, "a favor do alumnado e da Universidade".

Ademais, na sesión celebrada este mércores no paraninfo do edificio Ernestina Otero, o órgano de Goberno da UVigo tamén deron luz verde ao Regulamento do persoal investigador visitante, do que a institución académica carecía ata este momento.

Comentarios