Benestar Animal presenta os 'DNI gatunos' para os coidadores das 103 colonias

O concelleiro Marcos Rey explica que o censo supón "importantes pasos adiante" para operar de xeito coordinado con tódolos colectivos
A presentación dos novos carnés gatunos. DP
photo_camera A presentación dos novos carnés gatunos. DP

A Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, acaba de poñer en marcha a distribución dos carnés con códigos QR deseñados polo seu departamento para identificar aos arredor de 50 voluntarios que se encargan da alimentación e coidado das colonias felinas existentes en Pontevedra.

Os carnés, que poden retirarse desde este martes no Servizo Municipal de Medio Ambiente, permitirán que a Policía poida identificar con facilidade ás persoas concretas responsables da vixilancia do estado de saúde e da manutención dos animais que conforman cada unha das 103 colonias felinas do municipio (e que albergan a máis de 800 gatos silvestres).

O propio Marcos Rey entregou na mañá deste luns a varios voluntarios e voluntarias na oficina situada no número 2 da rúa Churruchaos estes DNI gatunos, cuxa expedición "responde ao estrito cumprimento da lexislación vixente neste eido". "A identificación dos responsables das colonias felinas resulta imprescindible por imperativo legal. A actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, é dicir, só de xeito excepcional. No caso de Pontevedra, a alimentación e control das colonias están xestionados en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas e tamén coa axuda dalgúns veciños voluntarios", lembrou o concelleiro do PSOE.

Na súa opinión, tanto o censo como os DNI gatunos supoñen "importantes pasos adiante para desenvolver un labor planificado e unha verdadeira coordinación entre os técnicos do Concello e os colectivos e voluntarios que levan anos traballando no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos".

Comentarios