Benestar Social busca fórmulas para atender aos menores con discapacidade

Paloma Castro reúnese con Xuntos, Amencer e Amizade para escoitar as súas demandas
Paloma Castro, na reunión. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Paloma Castro, na reunión. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un servizo de atención temperá municipal para os nenos e nenas con diversidade funcional. É o que puxo onte enriba da mesa a edil de Benestar Social, Paloma Castro, tras reunirse con representantes dos colectivos Xuntos Down Pontevedra, Amencer-Aspace (para a atención de persoas con parálise cerebral) e Amizade (que agrupa a persoas con diversidade funcional).

A reunión de onte serviu para pechar a colaboración do Concello co proxecto de expresión artística diversa Voces Ocultas, un curso impulsado polo equipo de Artecalavera e Estudo Bonobo, baixo a dirección de Gonzalo Maceira, que incluirá a celebración dun concerto no mes de xullo e a presentación dunha peza audiovisual o 3 de decembro de 2020, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

No encontro estiveron presentes o presidente de Amizade, Paulo Fontán, a coordinadora de Xuntos, Paula Gondar, e os voceiros de Amencer-Aspace, David Villaverde e Mónica Touriño, que incidiron na importancia que unha detección e atención temperá ten á hora de tratar, paliar e mesmo sanar as afeccións neuronais en nenas e nenos. Tal e como lembrou Paloma Castro trala reunión, "existen cidades, como Valladolid, nas que funcionan servizos municipais de atención temperá, precisamente en colaboración con entidades como Down, por exemplo, polo que temos que avaliar a posibilidade de poñelo a funcionar en Pontevedra".

PREVENCIÓN. "A posta en funcionamento do servizo permitiría reducir os efectos dun déficit sobre o conxunto global do desenvolvemento dun rapaz, evitar ou reducir a aparición de efectos ou déficits secundarios ou asociados producidos por un trastorno ou situación de alto risco e atender e cubrir as necesidades e demandas das familias", subliñou Castro.

A concelleira de Benestar Social confirmou que o seu departamento impulsará a iniciativa Voces Ocultas, un proxecto inclusivo "no que a creación musical e a composición xogan un papel esencial e no que os protagonistas serán os usuarios das tres asociacións". Segundo explicou, á marxe do seu enfoque cara o desenvolvemento de capacidades a través da música e a musicoterapia, o proxecto contempla "a creación dun equipo creativo real e diverso en materia artística e escénica formado polos usuarios das asociacións da cidade Xuntos, Amencer-Aspace e Amizade".

Así, o curso, que se desenvolverá dende o mes de xaneiro nas instalacións do Estudo Bonobo (na rúa San Antoniño), traballará as liñas de arte escrita (poesía e guión), fotografía, vídeo, música e artes plásticas.

Entre as accións programadas inclúese un concerto no Teatro Principal no mes de xuño e a presentación dun libro e da montaxe final dunha peza audiovisual no mesmo escenario o 3 de decembro, coincidiondo co Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional. Paloma Castro asegurou que o Concello de Pontevedra "cre na música e a arte como ferramentas facilitadoras da inclusión e tamén na súa finalidade terapéutica", tal e como asegurou na reunión deste venres.

Ademais, destacou que "gobernamos para todos e todas e todas as persoas teñen dereito a gozar de espazos de lecer e creatividade como o que plantexa o proxecto Voces Ocultas", apuntou.

Comentarios