Benestar Social investiu 177.580 euros en atender aos máis vulnerables durante o estado de alarma

As principais achegas destináronse ao reparto de alimentos entre familias, tuppers para os nenos dos comedores escolares, SAF, xestión dos albergues e a liña de subvencións en especie

Trabajadores del Concello aplaudiendo ayer durante el acondicionamiento del Multiusos da Xunqueira. DAVID FREIRE
photo_camera Trabajadores del Concello aplaudiendo ayer durante el acondicionamiento del Multiusos da Xunqueira. DAVID FREIRE

A Concellería de Benestar Social multiplicou "de xeito considerable os seus esforzos" durante a crise sanitaria da Covid-19 para atender as necesidades dos sectores máis vulnerables. No que levamos de estado de alarma, o departamento que dirixe a socialista Paloma Castro investiu unha partida global de 177.580 euros en accións vencelladas á protección das persoas e familias con menos recursos contra os efectos económicos e sociais do coronavirus, un gasto social que, como avanza a edil, "vai continuar incrementándose de xeito substancial durante esta desescalada e nos vindeiros meses".

Unha parte importante desta achega foi destinada á xestión dos albergues de Raíña da Paz (Salcedo) e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira, que chegaron a albergar a 28 e 15 persoas sen fogar respectivamente durante o período de confinamento. Uns 64.643 euros foron para a contratación da empresa encargada da seguridade; 10.661,25 para a oenegué Cruz Vermella, que acondicionou as instalacións coas camillas e o material  hixiénico-sanitario necesario e xestionou o seu funcionamento en coordinación co persoal municipal; e outros 632,93 para o servizo de lavandería, que prestou a firma Indusal.

A compra e distribución de alimentos e artigos de primeira necesidade entre as familias carentes de recursos foi outra das prioridades para a Concellería de Benestar Social, que adquiriu produtos por valor de 18.570,78 euros a Supermercados Froiz, por 6.776 a Even Plot e por 8.470 a Erreyo.

Tal e como explica a concelleira Paloma Castro, estes alimentos foron repartidos entre 169 unidades familiares de Pontevedra (un total de 564 persoas) a través do programa municipal Porta a Porta, desenvolvido en colaboración do Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos.

Dende Servizos Sociais tamén se financiou con case 20.000 euros un servizo que está a permitir a distribución de tuppers de comida a 112 nenos que se quedaron sen servizo de comedor escolar. A iniciativa foi posible grazas á colaboración do restaurante O Roxo.

Outra das grandes liñas de investimento do departamento que dirixe Paloma Castro foron os 193.094,64 euros que permitiron dotar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de 6.471 horas mensuais de carácter extraordinario para facer fronte aos novos casos derivados da crise. Segundo aclara a edil do PSOE, a Xunta de Galicia asumiu 12 dos 15 euros que se abona por hora de servizo e o Concello os tres restantes, dedicando 37.790 euros a esta finalidade.
Unha partida inicial de 30.000 euros para subvencións en especie.

Por outra banda, a Concellería de Benestar Social tramitou recentemente unha modificación de crédito orientada a reforzar con outros 100.000 euros as Axudas de Emerxencia Social Municipal, para que as que xa existía unha consignación de 100.000 euros. Deste xeito, o departamento municipal pasou a dispoñer de 200.000 euros tanto para o conxunto das Axudas de Emerxencia como para dar resposta ás propias necesidades e situacións de vulnerabilidade derivadas da crise sanitaria da Covid-19, un propósito este último para o que a Xunta de Goberno local aprobou o pasado 4 de maio unha liña específica de subvencións en especie dotada cunha primeira achega de 30.000 euros.

"Entendemos que os Servizos Sociais son nestes intres máis prioritarios que nunca, xa que consideramos que a cobertura destas necesidades básicas é un dereito fundamental de tódolos seres humanos, e estamos realizando un enorme esforzo para chegar a todas aquelas persoas que o precisan. A liña de subvencións en especie que vimos de aprobar permítenos unha gran flexibilidade de cara a mobilizar máis recursos", sinala Castro.

Comentarios