Benestar Social reactiva o servizo de auxilio a domicilio as 24 horas para maiores

Marcos Rey explica que "as profesionais da empresa Idades prestarán apoio á Policía Local naqueles casos nos que se precise dunha atención sociosanitaria, como asear ou preparar unha cama"
Unha persoa maior. DP

Aínda que este programa de colaboración estreita coa Policía Local xa se puxera en marcha en 2019, o protocolo levaba uns meses sen aplicarse e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, adoptou a decisión de reactivar o servizo de auxilio a domicilio as 24 horas do día para aqueles casos de emerxencia vencellados a persoas maiores ou con déficit de autonomía. Deste xeito, o equipo de profesionais da empresa Idades, a firma especializada contratada polo Concello de Pontevedra para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), seguirán a coordinarse coas Forzas de Seguridade e acudir de urxencia ás vivendas cando os axentes llo requiran.

Tal e como explica Marcos Rey, “este servizo de atención domiciliaria está pensado por exemplo para casos nos que a Policía acode ao auxilio dunha persoa maior que está caída no chan e que non é capaz de levantarse soa”. “En moitas ocasións, precísase dun servizo de carácter sociosanitario, como unha limpeza, a preparación dunha tila para axudalos a acougar, un aseo persoal no caso de que estean sucios ou o arranxo da cama para deitalos en boas condicións. Unha vez que a Policía Local activa o protocolo, unha auxiliar de Idades acudirá ao domicilio para desenvolver este tipo de funcións", sinala o edil do PSOE.

No entanto, segundo Rey, ademais de exercer esta esencial función, o programa de emerxencias "tamén actúa como un efectivo sistema de detección para a Concellería de Benestar Social". Así, trala intervención da auxiliar, Idades enviará ao domicilio do usuario a unha traballadora social coa finalidade de que elabore un informe de situación e necesidades para os Servizos Sociais municipais. "Este informe –apunta o socialista– podería derivar na tramitación dun SAF de Dependencia ou dunha residencia de maiores, polo que o desenvolvemento do programa exerce tamén como unha sorte de alarma para detectar necesidades das que os Servizos Sociais non tiveran constancia por outras canles".

Ademais de enviar unha auxiliar á vivenda, a concesionaria do SAF tamén manda a unha traballadora social para elaborar un informe de necesidades e remitirllo aos Servizos Sociais municipais

O SAF ATENDE NESTES MOMENTOS A 182 USUARIOS. Rey lembra que Idades conta cunha vintena de profesionais para prestar o SAF en Pontevedra e subliña que o programa de atención de emerxencias "contará cunha coordinadora" que estará en contacto directo coa Policía. Con data de 31 de marzo, constaban 135 persoas rexistradas como beneficiarias do SAF por situación de dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia (e polo tanto, con acceso por informe autonómico) e 47 do SAF por libre concorrencia (casos valorados polas traballadoras sociais de zona e xestionados totalmente polo Concello), polo que o número total de casos atendidos ascende a 182.

A concellería de Benestar Social, a través da empresa Idades, presta actualmente unhas 97.764 horas anuais para o SAF de dependencia e unhas 16.340 para o de libre concorrencia, situándose a lista de agarda para o primeiro por enriba das 330 persoas.