"Stop Ecocidio", "Fóra eólicos do Suído", "Cruces di Non", "Os montes son nosos, e non dos mafiosos" e outros lemas volveron soar este domingo na provincia cumprindo coa segunda convocatoria da coordinadora de asociacións "Así eólicos non" co gallo do Día das Montañas. A quinta parte das 19 manifestacións que discorreron polo territorio galego celebráronse na provincia, onde a máis numerosa foi a concentración de Pontevedra, ás 12.00 na praza da Peregrina, na que estiveron, entre outras, a APDR, a Federación Ecoloxista Galega, Adega, Ecoloxistas en Acción, Non ao Parque Eólico do Castrove, e algúns referentes políticos como o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, varios edís do BNG pontevedrés, o rexedor de Poio, Luciano Sobral, e membros da Corporación, como Silvia Díaz.
Antón Masa, presidente da APDR foi unha das persoas que colleron o altofalante para a lectura do manifesto, que foi común para todas as localidades e no que se chamou a atención sobre a situación na que quedarán os montes e as comunidades rurais se saen adiante os máis de 300 proxectos eólicos presentados ante as administracións, que se sumarían aos 190 existentes.
Riscos ecolóxicos e ambientais, nalgúns casos, sumaránse á perda de valor dos terreos e de atractivo por parte das comunidades rurais nas que o reto é a loita contra o abandono. Os beneficiarios destas intervencións lembraron, non son estas comunidades, senón empresas enerxéticas. "Mentres as eléctricas triplican beneficios xa que o prezo da luz está a sufrir a súa maior escalada na historia e o marco regulatorio e tarifario en vigor está ao seu servizo".
Mención especial merece o caso de Forcarei, non só polo feito de que os e as manifestantes percorreron o centro do municipio pedindo a máxima implicación dos concellos de Terra de Montes e da comarca de Pontevedra na oposición aos proxectos, senón polas cifras que achegaron os colectivos. "Nos últimos dous anos a Terra de Montes, Tabeirós, Cotobade, Campo Lameiro e a Serra do Suído estamos a sufrir unha avalancha de proxectos eólicos e liñas de alta tensión que se estenderán por todo o territorio. Son catro parques de tramitación ante o Estado e un total de 53 parques eólicos e liñas de evacuación que se tramitan ante a Xunta de Galicia".