A biblioteca de Pontevedra réndelle homenaxe aos "superlectores"

O centro celebra o Día do Usuario premiando aos usuarios máis activos e realizando unha visita guiada
Foto de todos os superlectores da biblioteca
photo_camera Foto de todos os superlectores da biblioteca

Ninguén le máis ca eles. Son os ‘superlectores’ da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra. Por iso teñen gañado ser protagonistas do Día dos Usuarios. José Javier Fernández con 428 préstamos (maioritariamente libros e música), Juan María Durán con 324 préstamos (maioritariamente películas e libros) e Luis Mariano Herrero con 257 préstamos (maioritariamente libros) foron nomeados onte superlectores da Biblioteca de Pontevedra, na categoría de adultos. Na categoría infantil, houbo catro nomeamentos, "correspondentes a diferentes tramos de idade", lembraba a directora do centro, Pilar Fernández. Trátase de Cris Li Min Martínez con 95 préstamos (14 anos); Carlos Trillo con 173 (9 anos); Carla Fariña con 175 (6 anos), e Lois Álvarez con 227 (con 5 anos acabados de cumprir). 

Todos eles recibiron un diploma e un lote de libros. Ademais, ser nomeados superlectores significa pasar a ter a consideración de socios de honra da Biblioteca durante un ano, o que lles permite ampliar o número de préstamos a 25 no caso dos adultos e a 20 no caso dos nenos. 

PERCORRIDOS. A Biblioteca celebrou o Día dos Usuarios, ademais de co nomeamento dos superlectores, con dúas visitas guiadas e con distintas propostas para os usuarios habituais. 

Por un lado, houbo percorridos para coñecer as instalacións e a oferta de materiais, á mañá (11.00 horas) e á tarde (18.30). Por outra parte, os socios da Biblioteca viron incrementado este mércores, e só por un día, o número de obras que podían levar en préstamo, converténdose así todos os lectores en socios de honra durante 24 horas. 

A celebración do Día do Usuario foi impulsada pola Consellería de Cultura e Educación en todas as bibliotecas públicas que dependen da Xunta en Galicia.

Comentarios