Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

Bicicletas para premiar valores

Acto de entrega de premios que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. DAVID FREIRE
Acto de entrega de premios que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Policía Local agasallou onte aos gañadores do concurso de proxectos de seguridade viaria tras os cursos desta materia impartidos nos centros educativos de Pontevedra

Maquetas, curtametraxes ou cómics. Os nenos e nenas dos centros educativos de Pontevedra atoparon unha morea de maneiras de trasladar os coñecementos que adquiriron durante os cursos de eduación viaria que a Policía Local ofreceu nos seus colexios.

Tras as charlas de sensibilización, os pequenos tiveron que realizar unha serie de traballos dos cales este martes foron premiados dez nun acto que tivo lugar no Pazo da Cultura. "Poderían ser moitos máis, porque o nivel é moi alto", explicou o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle. Así, os gañadores foron Sara Peón (CEIP de Marcón), Antía García (colexio Sagrado Corazón de Praceres), Santiago López (colexio Doroteas), Gabriel (CEIP de Marcón), Paula Ayude (CEIP Campolongo), Alejandro Pérez (CEIP Cabanas-Salcedo), Silvia Pérez (CEIP A Xunqueira II), Ulises Oltra (colexio Salvador Moreno), Mara Estévez (CEIP Álvarez Limeses) e Nerea Martínez (CEIP Marcos da Portela). No encontro houbo música, humor, trucos de maxia e mesmo os axentes da Policía Local se animaron a bailar durante a festa, que estuvo amenizada por Animart.

Daniel Macenlle entrega unha bicicleta a unha das gañadoras. DAVID FREIRE

Así, Antía García elaborou un taboleiro de xadrez no que as figuras eran elementos de seguridade viaria. "O rei é un policía local e os peóns son sinais de tráfico", indicou a pequena este martes tras a presentación do seu traballo. Santiago López, pola súa banda, presentou un cómic no que conta unha tráxica historia na que se producen mortos por non respectar as medidas de seguridade viaria.

Moitos pequenos optaron por elaborar maquetas con material reciclado como cartóns e cartolinas, palliñas de beber ou restos de caixas e botes de refresco. Así, Alejandro, do CEIP Cabanas, resumiu nunha maqueta o día a día da Policía Local e do seu traballo de calmado e xestión do tráfico. Do mesmo xeito, Paula Ayude representou unha cidade na que lle gustaría vivir. Por unha parte, nesa cidade hai unha morea de parques "para poder levar os cans e soltalos" e, por outra, na urbe deseñada pola pequena hai un camión que recolle o lixo para reciclar e un autobús. "No curso que nos deron dixéronnos que reciclar e usar o transporte público era bo para o medio ambiente", sinalou a pequena.

Acto de entrega de premios que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. DAVID FREIRE2

Ulises Oltra optou por facer unha curtametraxe na que conta a historia dun mozo ao que lle gusta xogar co seu monopatín. "Ocorréuseme cando vin a un neno andar como un bruto en monopatín", explicaba este martes o pequeno. Na curtametraxe, Ulises deixou constancia das súas dotes como actor ao representar varios papeis. Así, destacou a súa intepretación de señor maior, que provocou un grande aplauso do auditorio.

Mara Estévez optou por fabricar unha figura dunha muller policía. "Quería facer algo relacionado coas mulleres e por iso escollín representar unha policía local", explicou a pequena. Así, tras presentar todos os traballos gañadores na cita do martes, os pequenos galardoados subiron ao escenario a recoller o agasallo que tiña preparado para eles a Policía Local. Cada un dos gañadores recolleu unha bicicleta e un casco da man dos axentes e fixeron fotos sobre o escenario mentre os seus compañeiros lles aplaudían.

Acto de entrega de premios que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. DAVID FREIRE3

O xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, aproveitou a xornada do martes para dirixirse aos cativos de Pontevedra e recoñecer o seu traballo. Deste xeito, explicou que "o importante non son os coñecementos, porque podemos esquecelos, senón os valores". Do mesmo xeito, asegurou que os cursos formativos que a Policía Local impartiu en diversos centros da cidade foron exitosos, xa que os pequenos demostraron todo o aprendido.

Macenlle desculpou a ausencia do alcalde, "que vén todos os anos", e fixo tamén un alegato en defensa da participación dos nenos no modelo de cidade. "Os nenos non son os cidadáns do futuro, senón que xa son cidadáns no presente", indicou. Ademais, recibiu un forte aplauso cando dixo que, ademais de ter dereito a estudar, os pequenos deben ter tamén dereito a xogar. "Temos uns nenos brillantes que no futuro nos coidarán mellor do que nós os coidamos a eles", rematou.

Bicicletas para premiar valores
Comentarios