As biografías de 130 mulleres nutren á rede da memoria das pontevedresas

O Concello pon en marcha unha web que reúne información de donas relevantes da cidade

Presentación da páxina web, este venres, no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación da páxina web, este venres, no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha enciclopedia do coñecemento que atesoura o Concello sobre a historia das donas relevantes da cidade. Iso é ao que pretende ser a páxina web presentada este venres por Luís Bará e máis dúas traballadoras da Cooperativa Maos, encargada da creación da páxina.

O obxectivo é condensar na weeb o traballo do proxecto A Memoria das Mulleres, que cumpriu un lustro o 19 de decembro, unha data tráxica para a memoria das mulleres de Pontevedra xa que se cumpren anos do fusilamento de Elvira Lodeiro, represaliada polo Franquismo.

"É unha forma de presentaro traballo realizado neste tempo no que quixemos corrixir unha inxustiza que detectamos nos estudos históricos nos que non se recollía a historia das mulleres", explicou o edil de Patrimonio, Luís Bará, durante a mañá do venres.

Artistas, activistas, traballadoras ou mulleres represaliadas dan contido á web, que reúne 130 biografías organizadas polas diferentes áreas nas que destacaron as súas protagonistas. Ademais, hai un buscador que permite localizar ás mulleres rexistradas na base de datos do programa a través dos seus nomes ou apelidos.

A web conta tamén cun amplo fondo gráfico e audiovisual composto por unhas 200 fotografía, 12 vídeos e gravacións de audio nas que se fala das mulleres relevantes da historia de Pontevedra. En cada unha das biografías pode accederse tamén a información relacionada e material audiovisual, tal e como explicaron as creadoras da web.

O ESPAZO PÚBLICO. Outro dos eixos fundamentais do programa A Memoria das Mulleres foi a recuperación do espazo público para elas dende un punto de vista feminista. Deste xeito, a páxina web recolle tamén os cambios que se realizaron no rueiro de Pontevedra para incorporar nomes de mulleres relevantes. "Queremos que ocupen o espazo público despois do tempo que estiveron recluídas", explicou Bará. O Concello elaborou tamén tres roteiros pola cidade para percorrer lugares relevantes vencellados ás pontevedresas. "Estes roteiros aparecen reflectidos na web, de xeito que se poderán realizar mentres se consulta na dita páxina o percorrido e o seu significado", explicaron este venres as creadoras da mesma.

Existe tamén a posibilidade de descargar os folletos que se publicaron ao longo destes anos relacionados coa actividade do programa, como a obra sobre María Victoria Moreno O escalón de Ulises, de Montse Fajardo, e mesmo os paneis da exposición Do gris ao violeta, que se expuxo na Praza da Ferraría.

O concelleiro de Patrimonio falou tamén do traballo realizado ao longo deste tempo polas investigadoras que colaboraron co proxecto. Así, agradeceu as achegas da xornalista experta en memoria histórica Montse Fajardo, a investigadora Aurora Marco, a profesora María Xesús López Escudeiro, o historiador Xosé Álvarez Castro e as empresas Maos e Etnoga.

Ampliacións futuras: novas tecnoloxías e banda deseñada
"Este non é un proxecto rematado, seguiremos traballando para ampliar o programa", explicou Luís Bará.

Deste xeito, un lustro despois do nacemento do proxecto, o Concello pretende abrilo ás novas tecnoloxías e á banda deseñada, polo que Kiko Dasilva prepara un cómic sobre a figura de Josefina Arruti, presa durante 18 meses polos falanxistas e muller que deu acubillo a ducias de restos de represaliados no panteón familiar.

Outro dos obxectivos a curto prazo do proxecto A Memoria das Mulleres é conseguir a implicación da comunidade educativa, para o que se traballará cos centros para que o alumnado participe na recuperación da memoria oculta das mulleres. Para conseguilo, traballaranse soportes audiovisuais para a recollida e a divulgación de material. Do mesmo xento, Bará anunciou que o teatro pasará a ser outra das ferramentas para dar a coñecer a historia que aínda non se contou das mulleres.

"Seguiremos traballando para actuar na cidade de Pontevedra cunha ollada violeta e feminista", concluíu Bará.

Comentarios