A BMP enche as rúas de Zarzuela

A Praza do Teucro acolleu o derradeiro concerto do ciclo 'Sons na rúa' a cargo dos músicos da formación municipal

Imaxe do concerto, que se celebrou na praza do Teucro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe do concerto, que se celebrou na praza do Teucro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Música para todos os gustos. As Festas da Peregrina acollen ao longo desta semana unha morea de actuacións musicais a cargo de diferentes músicos da escena nacional, pero tamén os artistas locais ofreceron os seus espectáculos durante estes días. Nestes mesmos días, a BMP ofrecía un concerto en conxunto coa Banda de Música de Salcedo, o xa tradicional ‘Man a man’ que ofrecen ambas formacións cada ano.

Desta vez, a BMP saíu á rúa en solitario dentro do seu ciclo ‘Sons na rúa’, que ofrecía concertos ao aire libre ao longo de todo o verán. A do venres era a derradeira cita deste programa e coincidiu coas Festas da Peregrina. Os artistas de BMP tocaron baixo a batuta do mestre Rafael Agulló na Praza do Teucro a partir das 22.30 horas, onde ofreceron un repertorio de zarzuela.

Nos sete concertos que se celebraron ao longo deste verán nas prazas da cidade, tiveron cabida pasodobres, musicais, música do mundo, unha escolma clásica ou citas tan especiais como o recital Rèveries françaises, co director convidado Miguel Etchegoncelay (Arxentina).

As citas musicais continúan este sábado en diversas rúas da cidade. Deste xeito, a Praza da Ferraría acollerá un encontro de corais no que participarán sete formacións de Pontevedra e arredores. A cita comezará ás 21.00 horas. Máis tarde, ás 22.30 horas, será a quenda do grupo español de pop Sidecars, que dará o seu concerto na Praza de España

Comentarios