O impulso do segundo tramo do Paseo a Marín, o tren de proximidade con Vigo e a saída sur para "romper o ‘madridcentrismo’ ", actuacións uxentes en estradas con tramos perigosos, incluída a N-541 ou a rebaixa das peaxes tanto na AP-9 como o AP-53 son algúns dos asuntos que o Bloque Nacionalista Galego introduciu no acordo de investidura co PSOE e que onte destacaron en Pontevedra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a senadora Carme da Silva e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este deixou claro que "cando o BNG está nas Cortes os proxectos do Estado para Pontevedra avanzan. Hai unha enorme diferenza cando está o BNG e cando non está", sostivo. Como exemplo desta afirmación referiuse ao Nó de Bombeiros. "No ano 2015 o BNG non tivo escano no Congreso e este proxecto parouse. E cando en 2019 o BNG volveu ao Congreso, foi incluído no acordo e actualmente está en fase de adxudicación da obra". Da Silva, á que Pontón se referiu como unha das "muñidoras" do pacto acadado, xunto ao deputado Néstor Rego, salientou como unha das boas noticias que supón para Pontevedra o impulso ao segundo tramo do Paseo de Marín desde a cidade do Lérez. "Descubrimos que o último tramo", que oficialmente quedara en ‘stand by’ debido a que o proxecto inicial non era factible, "estaba parado e dixeran que non tiñan pensado executalo". Trátase dun treito de 700 metros e "reiniciamos co Ministerio a necesidade de facelo. Vaise impulsar nesta lexislatura".
No que atinxe ás comunicacións ferroviarias, subliñou tamén o compromiso de contar cos servizos de proximidade antes de acabar a lexislatura no eixe Pontevedra- Vigo. "Uns servizos que mellorarán a mobilidade diaria da poboación de Pontevedra e que se enmarcan na liña de apostar pola sustentabilidade no transporte". "É unha reivindicación histórica -destacou a senadora-, e hai o compromiso de facer todos os estudos necesarios e poñelo en marcha nesta lexislatura".
En canto ao capítulo da seguranza viaria, salientou o Plan plurianual 2024-2028 para actuacións urxentes en estradas con tramos perigosos como é o caso da AP-9, A-52, N-550, N-541 ("moi de actualidade, desgraciadamente") ou a PO-11, "todas elas vías de uso frecuente polos veciños e veciñas de Pontevedra". Sen esquecer, engadiu, "os descontos do 75% na AP-9 e AP-53, que redundarán nos petos dos pontevedreses", iso si, sempre que sexan usuarios recorrentes. Trátase da ampliacion do acordo que ata agora era do 50% e só para a autopista do Atlántico.
Pola súa banda, Pontón destacou o "impacto" que o acordo terá na cidadanía, pois á parte da actualización das pensións conforme ao IPC vanse incrementar as baixas, coa repercusión que iso terá para Galiza, que ten as máis baixas do Estado e cun gran peso das contributivas. Referiuse tamén á importancia "máis simbólica" que ten para Pontevedra a declaración de recoñecemento e reparación, incluída no acordo, en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática. "É unha medida de xustiza e dignidade colectiva", apuntou.
Xustiza: xulgado exclusivo para violencia de xénero
Outra das cuestións incluídas no acordo de investidura co PSOE é a creación dun xulgado exclusivo en violencia de xénero en Pontevedra, segundo subliñou Da Silva. "Agora deses asuntos encárgase o número 3, pero non de xeito exclusivo", pero a capital da provincia si "vai ter este xulgado nesta lexislatura ", destacou a senadora. Trátase da grande aposta do BNG en materia de igualdade.