O BNG denuncia a parálise total os últimos catro anos da reforma do nó de Bombeiros

Da Silva asegura que hai risco de que caduque o informe de impacto ambiental "se é que non está xa caducado", como aconteceu coa A-57
Da Silva compareceu xunto a Fernández Lores e a Sobral. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Da Silva compareceu xunto a Fernández Lores e a Sobral. J. CERVERA-MERCADILLO

"O proxecto do nó de Bombeiros leva en parálise absoluta dende hai catro anos, xusto os que o BNG leva fóra do Congreso dos deputados". Así o indicou este xoves a cabeza de lista do Bloque para as eleccións do 10N, Carme da Silva, que criticou o "esquecemento deste proxecto por parte do PP e do PSOE durante os anos que estiveron de forma alterna no Goberno" e comprometeuse a solicitar a licitación inmediata dos traballos tan pronto como sexa deputada "e abra a ventaniña do Rexistro do Congreso", dixo. 

Da Silva compareceu xunto aos alcaldes de Pontevedra e Poio para lembrar que no ano 2012 iniciouse a elaboración dun proxecto que foi seguindo trámites e que obtivo o informe de impacto ambiental en 2014, saíndo publicado no BOE en outubro dese ano. En marzo de 2015 publicouse a aprobación provisional do proxecto aceptando parte das alegacións (mellorar a conexión peonil e ciclista e tamén o seu impacto sobre o ENIL), saíndo no BOE en outubro a aprobación definitiva. 

"Iso foi en outubro de 2015 e estamos en outubro de 2019. Dende entón está parado e non houbo ningún trámite oficial publicado nos boletíns máis alá de declaracións e anuncios propagandísticos. O único que hai é unha parálise absoluta", insistiu a nacionalista. Tamén subiñou que o actual enlace ten un enorme risco para a circulación e para a incorporación en Pontevedra e en Poio, e é un tapón para o tráfico peonil entre os dous concellos . 

Da Silva destacou que non se está a pedir un investimento multimillonario, xa que a obra está valorada en 6,2 millóns de euros e "esa cifra pódese incluír como modificación orzamentaria en calquera momento". De feito, indicou que pasados tantos anos dende a aprobación ambiental e a definitiva do proxecto córrese o risco de que caduque a tramitación ambiental, cousa que pasou coa A-57, e que haxa que reiniciar novamente o procedemento ambiental. "O BNG no Congreso vai pedir que se liciten inmediatamente as obras", afirmou. 

Pola súa banda, os dous alcaldes tamén subliñaron a necesidade de executar esta actuación.

Comentarios