sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

"O BNG é a garantía de frear á dereita, sempre o foi e sempre o será"

Carme da Silva en Lourido. RAFA FARIÑA
Carme da Silva en Lourido. RAFA FARIÑA

Inicia cunha axenda moi apretada e moito entusiasmo a segunda semana de campaña. Carme da Silva percorre cada acto electoral co obxectivo claro de "recuperar a voz de Galiza en Madrid". "É necesario que o BNG estea no Congreso para recuperar a ría de Pontevedra", sentencia.

"NON estamos indo a Madrid, estannos levando", di Carme da Silva (Pontevedra, 1966) para describir as sensacións que percibe na carreira ó 28A.

Esta campaña está condicionada pola aparición de pintadas contra vostede na súa vivenda.
Esas pintadas teñen unha clara intencionalidade política de meternos medo, a nós e a sociedade. Pero nin estas mafias nin este entramado de Ence e o PP, que leva moitos anos actuando en Pontevedra, nos dan medo. Xa nos coñecemos perfectamente: secuestraron plenos, reventaron actos, alteran a lei co obxectivo de que Ence non marche da ría... E neste sentido Feijóo ten a máxima responsabilidade e ten que actuar en base ós intereses de todos os galegos, non dun consello de administración dunha empresa. Desde logo a nós medo non nos meten. Todo o contrario. Todo isto evidencia máis a necesidade de que o BNG estea no Congreso para que se poida recuperar a ría de Pontevedra. E ademais é que é un obxectivo que a estas alturas sorprende fóra, porque se estiveron recuperando espazos en Europa e no territorio español. Por aquí non? Non pode ser a condena de ter Ence aí durante sesenta anos máis e a condena que supón para todo o monte galego.

Outro dos temas que está sobre a mesa é a AP-9.
É outro exemplo. Temos a autoestrada máis cara do Estado. Non estamos reclamando que nos regalen nada, xa a pagamos varias veces. Queremos que sexa galega, pública e sen peaxe. E iso só se vai conseguir con nós no Congreso, porque aí PP e PSOE sempre están de acordo. Que se transferiu? A AP-68 a Bilbao, porque o PNV presionou. Aí está a importancia de que teñamos representación galega que mire por e para Galiza.

Que outros asuntos da provincia leva na maleta?
A circunvalación de Pontevedra é unha reivindicación histórica. É un exemplo moi gráfico do que acontece cando o BNG ten capacidade para decidir en Madrid e cando non. Hai outros asuntos que tamén nos afectan como o das portas xiratorias, porque se usan os recursos do Estado para favorecer a determinadas empresas. Hai outras cuestións moi importantes como a lingua ou que nos deixen producir como país rico que somos e que redunde nas familias e nas empresas o feito de ser unha comunidade produtora de enerxía.

Non xoga en contra do BNG que as forzas de esquerdas nacionalistas galegas estean divididas?
É que eu non creo que as forzas nacionalistas galegas estean divididas. Eu só vexo unha forza política que é xenuinamente galega, que non ten ataduras con ninguén, que só ve os intereses do pobo galego. É o BNG, que nunca se someteu a forzas políticas españolas e que nunca puxo diante outros intereses que non fose Galiza.

As enquisas ata o de agora non lle dan o escano por Pontevedra, auguran un sorpaso histórico do PSOE ó PP e a debacle de Marea.
Os inquéritos son iso, inquéritos. Fallan moito. Nas eleccións do 2016 case nos daban a deber votos. Neste caso intentaremos dar a volta a eses inquéritos e tirar da corrente de simpatía que apreciamos cara ó BNG. Eu sempre digo que non estamos indo a Madrid para levar a representación de Galiza, estannos levando.

Como valora a irrupción de Vox nestas eleccións?
A dereita ideolóxica en Galiza sempre estivo operando, ten unha forza política que a representa claramente que é o PP. Recordo propostas dos ‘populares’ que non se diferenzan nada do que estamos escoitando a outras forzas hoxe. Ao respecto das mulleres, as maiores burradas que se escoitaron recentemente son do PP. Quérennos meter ás mulleres nas cavernas.

O tema da muller tamén está moi presente na campaña do BNG.
É que nalgúns mítines somos maioría de mulleres. O Bloque é unha forza claramente feminista. Collemos forza porque nós o decidimos e porque fixemos grandes mobilizacións pola igualdade. Ademais, as mulleres galegas temos unha situación de desigualdade dobre, por ser mulleres e por ser galegas. Formamos parte dun pobo que non ten capacidade para decidir sobre o seu futuro.

Atrévese a dicir un prognóstico para o vindeiro domingo?
Porras non fago porque por formación científica sei que cos xogos de azar nunca se gana, pero creo que o BNG vai ter representación e iso nótase no ambiente. Temos un liderazgo claro. O BNG é a garantía de frear á dereita, sempre o foi e sempre o será. Temos o obxectivo de defender os intereses de Galiza e para iso hai que frear a esa dereita carca, antigalega e machista.

En clave persoal "De aquí non me vou nunca"
Como se plantea unha o cambio de estar en primeira fila do Goberno municipal a traballar desde a oposición no Congreso?
Exactamente igual. Non foi unha decisión de marchar de Pontevedra, porque de aquí non me vou nunca. A decisión foi aceptar o reto de poñerme ó fronte dunha candidatura que quere devolver a voz a Galiza. É enormente ilusionante. Faime tomar esa decisión o amor que lle teño a Pontevedra e a Galiza. Traballar pola veciñanza desde o Goberno municipal e desde o Congreso tenme iluisionadísima.

Daquela, non deixará o Concello se o BNG consegue o escano por Pontevedra o vindeiro 28A?
Son decisións que se toman no momento en función de moitas cousas, pero quen ten o formiguiño da política municipal non a deixa nunca. Ese contacto directo coa xente é moi difícil de substituír por outra cousa. Poder levar todo isto ó Congreso é un reto político incrible.

"O BNG é a garantía de frear á dereita, sempre o foi e sempre o será"
Comentarios