O BNG pide crear un consorcio público do sector forestal "con Ence ou sen Ence"

Bará insta a apostar por unha nova fábrica de celulosa e unha papeleira que complete o ciclo produtivo do papel ►"Ence non é imprescindible nesta ecuación", insistiu
Luis Bará, na roda de prensa deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Luis Bará, na roda de prensa deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O deputado do BNG no Parlamento galego Luis Bará instou este xoves á Xunta de Galicia a crear "con Ence ou sen Ence" un consorcio público-privado para a impulsar un novo complexo industrial no sector forestal de Galicia.

Nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, Bará sinalou que a Xunta debe ser "activa e proactiva" na procura de alternativas á fábrica de Ence en Pontevedra porque a súa situación "cambiou" tras a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a súa prórroga.

Ante este "novo tempo", o deputado do BNG asegurou que o Goberno galego "non pode poñerse de fronte ou de perfil" e, sobre todo, non debe "entorpecer o diálogo" actuando como "accionistas" ou "hooligans" da empresa, "poñéndose nas barricadas".

"Feijóo e Rueda replican como papagaios o que di a empresa", sinalou o dirixente nacionalista, que censurou que a Xunta estea "sometida" ao que cualificou como "ditadura" de Ence en lugar de defender os intereses de Galicia.

A través dunha moción que presentarán no próximo pleno da cámara autonómica, o BNG pedirá a creación dese consorcio que, do mesmo xeito que ocorre nos países nórdicos, aposte por unha nova fábrica de celulosa e unha papeleira que complete o ciclo produtivo do papel.

Este consorcio xestionaría ademais un centro de transformación da madeira dedicado á elaboración de bioproductos de todo tipo ou un centro de investigación e innovación forestal.

"Ence non é imprescindible nesta ecuación", insistiu Luis Bará, que engadiu que o BNG aposta porque a Xunta encargue un estudo a universidades galegas e centros tecnolóxicos para buscar posibles emprazamentos a todo este proxecto.

Para financiar este "ambicioso" consorcio, o BNG propón empregar fondos públicos, tanto os Next Generation da Unión Europea, como recursos estatais e autonómicos e defende que, no seu conxunto, crearía máis postos de traballo e máis riqueza en Galicia.

Ademais, o BNG esixe que a Xunta e o Goberno central se coordinen para recuperar os terreos que ocupa a industria pasteira en Pontevedra e traballar "seriamente" no proceso de desmantelamento, descontaminación e recuperación produtiva da zona.