O BNG pide institucionalizar o 17 de agosto como Día Galiza Mártir

Pretenden honrar ás vítimas do franquismo
Luís Bará. DP
photo_camera Luís Bará. DP

O BNG rexistrou este martes unha proposición non de lei para solicitar a institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo na comunidade. Así, o texto nacionalista tamén reclama organizar anualmente un acto institucional e crear os Premios da Galiza Mártir co obxectivo de recoñecer a entidades e persoas cunha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega.

O Bloque tamén pretende desenvolver cada ano un programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e dos compañeiros de xeración que foron perseguidos e asasinados polo franquismo en Galicia. Ademais, a iniciativa do BNG pide que o Estado promova as accións necesarias para a rehabilitación de Alexandre Bóveda e a anulación da sentenza que o condenou á morte, así como a anulación de todas as sentenzas e os expedientes e sancións ditadas durante a ditadura contra cidadáns galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual.

"Ignorar esa data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza", indicou o deputado nacionalista Luís Bará, segundo recolle o BNG nun comunicado. Tamén lembrou que o vindeiro sábado, día 17 de agosto, honrará nunha nova edición "a memoria e a loita de Alexandre Bóveda" e de todas as persoas que sufriron a persecución do franquismo.

"IMPRESCINDIBLE". Para o Bloque, Bóveda foi "imprescindible" para o autogoberno de Galicia e para a aprobación do Estatuto de 1936. Por ese motivo, reclama, "a súa figura e a súa obra deben ser obxecto de recoñecemento, de gratitude e de homenaxe polas institucións galegas, especialmente pola Xunta e polo Parlamento".

Luís Bará fixo fincapé na existencia dun acordo aprobado no Parlamento de Galicia, na sesión do 26 de decembro de 2006, que estaba encamiñado ao recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda pola súa participación na elaboración e aprobación do Estatuto de 1936.

O parlamentario nacionalista explicou que a conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurado en agosto de 1942 en Buenos Aires polos galegos no exilio, que escolleron o día do asasinato do político para simbolizar nel "unha xeración única e irrepetible" ademais da "devastación" do fascismo en Galicia.

Comentarios