O portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Raimundo González (BNG), explicou este luns que o seu partido non se pon unha "data límite" para negociar un posible pacto de goberno co PSOE.
A preguntas dos xornalistas, González sinalou que "non podemos andar con présas" para elixir a fórmula "adecuada" para gobernar a cidade o próximos catro anos.
O BNG entende que salvo "hecatombe" ou pactos "contra natura" correspóndelle a Miguel Anxo Fernández Lores, como candidato da lista máis votada, a responsabilidade de formar goberno, polo que entenden que "hai tempo" para negociar co PSOE.
"Non temos apriorismos e estamos abertos a todas as posibilidades", sinalou o portavoz do goberno en funcións.
Os nacionalistas celebrarán o vindeiro mércores unha asemblea local na que analizarán o panorama político aberto tras as municipais e fixarase a "estratexia" para os próximos catro anos.
Esta formulación prevé fixar uns "mínimos" que serían "irrenunciables", segundo González, para negociar un posible pacto de goberno cos socialistas.
Até entón, engadiu, é "probable" que se produzan contactos informais por ambas as partes, pero "sen présas" para pechar un acordo ou tomar a decisión de gobernar en solitario.