O BNG presenta un plan para a recuperación ambiental dos terreos de Ence

O proxecto estaría sufragado por fondos de recuperación europeos ►"Non se pode permitir que as leis se fagan a medida dunha empresa e non se apliquen con igualdade", defende Pontón

 

Demetrio Gómez, Fernández Lores, Ana Pontón e Carme da Silva, este xoves na Praza de España durante a presentación do documento Xerar Futuro, Galiza Next. BNG
photo_camera Demetrio Gómez, Fernández Lores, Ana Pontón e Carme da Silva, este xoves na Praza de España durante a presentación do documento Xerar Futuro, Galiza Next. BNG

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, presentou este xoves en Pontevedra unha proposta de rexeneración, investigación e transformación das rías galegas a partir dos fondos europeos.

En concreto, inclúese no documento Xerar Futuro, Galiza Next, que propón uns 1.096 millóns de euros procedentes dos fondos de recuperación europeos para cuestións como a recuperación ambiental dos terreos que ocupa a factoría de Ence na ría de Pontevedra.

Pontón trasladou que xa existe plan municipal de ordenación ambiental e paisaxística, "que ten por obxectivo recuperar o espazo vacante unha vez que leve a cabo o traslado da pasteira a outra localización".

Este plan, explica, permitiría recuperar un millón de metros cadrados de dominio público marítimo terrestre en Pontevedra e dar paso á "maior transformación da historia da cidade", sinalou.

A portavoz nacional do BNG referiuse a esta proposta como "un proxecto de país" para saír da crise e sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas e insistiu no traslado da fábrica de Lourizán como unha "responsabilidade tanto da pasteira como dos gobernos central e da Xunta".

Neste sentido, Ana Pontón instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a que "por unha vez, se coloque ao lado do país" xa que, ao seu xuízo, "que o PP se coloque ao lado dos intereses de Ence non é ningunha novidade".

"Defende o interese do consello de administración dunha empresa do Ibex 35 e non o interese xeral de Pontevedra e de Galicia", advertiu, lembrando que noutros tempos o propio Núñez Feijóo reclamaba o traslado. "Pero xa vemos que a súa palabra non vale nada e ao final todo foi un engano".

LEIS "A MEDIDA". A posición do BNG respecto a a saída de Ence da ría de Pontevedra "é moi clara", lembrou, máxime tras as recentes declaracións do presidente da compañía, Ignacio Colmenares, "que o que veñen dicir é que Ence é un perigo na ría e o que temos que facer é trasladala canto antes".

"Non se pode permitir que as leis se fagan a medida dunha empresa e non se apliquen con igualdade", respondeu Ana Pontón preguntada polos medios, "Ence ten que cumprir a legalidade".

Pontón concluíu sinalando que "despois de tanto tempo o que teñen que facer é poñer en marcha o traslado e non seguir co intento de chantaxear á xente pontevedresa nin aos gobernos porque nunha democracia iso non é admisible", concluíu.

Comentarios