O BNG promete en Castiñeiras un parque da natureza

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, visitou os montes de Salcedo co alcalde Lores e participou nun mitin con Ana Pontón na Estrada
Candidatos do BNG, Lores e concelleiros, nunha visita a Sancedo. DP
photo_camera Candidatos do BNG, Lores e concelleiros, nunha visita a Sancedo.

O cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Luís Bará, mantivo onte en Vilaboa unha xornada de encontro, festa e convivencia con militantes e simpatizantes onde apelou ao "espírito de fraternidade" da lagoa de Castiñeiras para lograr "unha grande mobilización o 12-X que permita ao BNG abrir un tempo novo para Galiza". O nacionalista, en chave local, avogou por un convenio coas diferentes comunidades de montes para crear na zona un grande parque da natureza.

Lembrou que Castiñeiras é un lugar de encontro de concellos e parroquias e foi durante moito tempo un punto de encontro de milleiros de persoas. Dende alí lanzou unha mensaxe "co espírito da lagoa de Castiñeiras" na que avogou pola posta en valor dun espazo de grande interese ambiental e patrimonial "que foi maltratado e abandonado polo PP na Xunta ao longo dos últimos 11 anos".

Segundo dixo Bará, a posta en valor da zona pasa polo aproveitamento das instalacións do antigo centro de recuperación de fauna silvestre desmantelado pola Xunta do PP e por desenvolver nestas instalacións un proxecto centrado na educación ambiental cun programa pedagóxico para centros escolares. Tamén, dixo, é precisa a posta en marcha un albergue da natureza co obxectivo de atraer turismo interesado na vivencia do medio natural.

Aproveitou ese mesmo spírito para facer un chamamento á grande mobilización o 12 de xullo para encher as urnas de esperanza e de futuro, unha grande mobilización que faga historia situando a unha muller nacionalista na presidencia do goberno galego", afirmou. Pola tarde, asistiu con Ana Ponton en A Estrada a un mitin xunto aos candidatos locais Pablo Carracedo Goldar 'Jásper', que figura no posto catorce da lista, así como Ariadna Fernández, veciña de Lalín, que figura no posto nove, no que tanto Pontón como Bará significaron o "abandono" da comarca e suliñaron que se o BNG chega ao goberno da Xunta "non se esquecerá" da Estrada.

Comentarios