martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

O BNG solicita a ampliación do prazo para as alegacións ao plan de transporte por estrada

Autobús nunha parada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Autobús nunha parada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
▶ Bará insta á Xunta a dialogar cos concellos para a elaboración dun proxecto sen "paradas inexistentes" e "itinerarios imposibles"
 

O BNG, ante a finalización o venres, día 23, do prazo para a presentación de alegacións aos 28 anteproxectos de contratos que agrupan un total de 1.206 liñas de bus (na súa maior parte nas provincias de Pontevedra e A Coruña), pide "ampliar o prazo e demanda un verdadeiro plan de transporte por estrada, dialogado cos concellos e confome ás necesidades da Galiza do século XXI".

O deputado do BNG Luís Bará critica que "os anteproxectos son resultado dun deficiente traballo de campo, conteñen numerosos erros e carencias, como se está a demostrar nas alegacións presentadas ou anunciadas polos concellos afectados".

Entre os "erros máis salientables", explica Bará, está o establecemento de "paradas inexistentes" e a creación de "itinerarios imposibles" polos que, segundo di, non pode acceder un autobús por tratarse de direccións prohibidas ou zonas peonís. Para o nacionalista, esta circunstancia pon de manifesto un xeito de proceder que cualifica de "apresurado e chapuceiro e un deficiente traballo de campo por parte das empresas contratadas pola Xunta de Galiza".

Bará quere que se elabore un proxecto sen "paradas inexistentes"

"Por outra parte -engade Bará- as carencias, demostran o continuismo da actual proposta, que na maior parte dos casos, limítase a reagrupar liñas existentes e unificar o transporte escolar e as liñas regulares co obxecto de reducir custos".

Para o BNG, resalta o deputado nacionalista, "os anteproxectos carecen dunha análise polo miúdo das necesidades de cada área e dun proceso de participación e diálogo con todos os axentes sociais e institucionais implicados, principalmente cos concellos".

O portavoz de infraestruturas do BNG sinala que os sindicatos e asociacións de empresas denunciaron as carencias dos estudos económico-financeiros dos novos contratos que, indica, "non permitirían asumir a subrogación de persoal e as cláusulas sociais asinadas pola Xunta e centrais sindicais".

Bará asegura que os sindicatos e asociacións de empresas denunciaron as carencias dos estudos económico-financeiros

O BNG di que a agrupación das concesións en grandes contratos busca "favorecer os intereses das grandes empresas con capacidade para asumir os novos servizos e os investimentos necesarios en novos vehículos". Segundo Bará, "estamos ante un plan para eliminar ás pequenas empresas de ámbito comarcal".

O problema de fondo, a xuízo do nacionalista, está relacionado coa concepción mesma do plan, "moi pouco ambicioso, que non ten en conta a realidade actual do país nin a necesaria coordinación e interdependencia entre diferentes modalidades de transporte".

"O plan debe priorizar as especificidades das zonas rurais, urbanas e rururbanas, as conexións aos grandes equipamentos públicos, a comunicación cos parques empresariais e cos aeroportos e, ademais, estudar solucións de transporte á demanda para áreas de poboación dispersa", conclúe.

O BNG solicita a ampliación do prazo para as alegacións ao plan de...
Comentarios