O BNG tenta a Alexandra Fernández para a candidatura por Pontevedra

A formación premia o traballo feito por Bará e Montse Prado, que serán os números 1 e 2
Alexandra Fernández. AEP
photo_camera A exdeputada de En Marea, Alexandra Fernández. ADP

O BNG concurrirá pola provincia de Pontevedra cunha aposta continuista, premiando así o traballo desenvolvido nestes tres anos e medio polos seus dous deputados, Luís Bará e Montse Prado, que volverán ocupar os postos un e dous, respectivamente. A sorpresa pode estar no número 3, pois en troques da poetisa viguesa Marta Dacosta Alonso -que ocupara esa posición en 2016- podería entrar unha das fichaxes estrela do Bloque para estes comicios: Alexandra Fernández, exdeputada no Congreso por En Marea.

Tras rachar o seu vencellamiento con Anova polo rumbo que estaba a tomar a formación e, sobre todo, pola súa relación con Podemos, Fernández fíxolle varios arrumacos políticos ó BNG a través da súa conta en Twitter, ao desexar que ogallá voltara ás Cortes "para que Galicia recupere el pulso y el debate político".

A exdeputada engadía que "tras el intento fracasado de alianza entre la izquierda soberanista gallega y la izquierda española, volvemos a la dualidad entre dos modelos de izquierda. Mirando la posición que tiene cada una ante los retos que vienen, no cabe duda de qué lado toca estar". Un guante en toda regra do que a dirección nacional tomou boa nota e fontes da formación daban este xoves por feito que Alexandra Fernández iría de número 3 por Pontevedra.

Os nacionalistas confían en recuperar o terceiro deputado sumado en 2012

Tendo en conta que na cita de 2016 o Bloque só acadou dous deputados nesta provincia, poderíase considerar un posto pouco tentador, pero nada máis lonxe das expectativas dos nacionalistas, convencidos de que lles vai favorecer a fragmentación da esquerda rupturista, polo que confían en, alomenos, recuperar o terceiro deputado sumado en 2012.

REPITEN BARÁ E PRADO. En calquera caso, a "cociña" das listas todavía está en pleno proceso e a comisión encargada desta tarefa dispón ata o sábado pola mañán para pechalas. Será entón, no Consello Nacional, cando se ratifiquen tódalas candidaturas, sobre as que a candidata á presidencia, Ana Pontón, avanzou "renovación, mocidade e experiencia".

O que sí confirmou o Bloque foron os dous primeiros por Pontevedra, así como os cabezas de lista polo resto de provincias galegas. Xunto a Luís Bará e Montse Prado, o premio ó traballo parlamentario feito nesta lexislatura permitirán a Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense), ademáis de Ana Pontón (A Coruña), volver ser os posters electorais.

O BNG coloca mulleres como primeiras nas listas de tres das catro circunscricións

Deste xeito, os nacionalistas colocan a mulleres como primeiras nas listas de tres das catro circunscricións, algo que xa avanzara Pontón ao asegurar que "as mulleres terían un protagonismo relevante nas candidaturas".

A Executiva Nacional reuniuse o mércores para deseñar a proposta de candidaturas que levará ao Consello Nacional de mañán, despois de ouvir ás asembleas comarcais nun proceso no que participaron, segundo as cifras achegadas pola formación, uns 1.450 militantes en 25 asembleas por toda Galicia, incluída a emigración vía telemática.

Como resultado destas reunións, a militancia trasladou á dirección do BNG 234 propostas de candidatos, nas que, en todo caso, quedou constancia dun "apoio unánime" de todas as asembleas ao traballo feito polo grupo.

Os nacionalistas consideran que esta proposta supón "un referendo das bases" ao traballo político, de denuncia e de presentación de alternativas en materia de financiamento, infraestruturas, dereitos e liberdades, así como para incrementar o autogoberno de Galicia. A iso, súmase "un rigoroso traballo de control ao Goberno de Feijóo e de alternativas á década de desastre do Executivo do candidato do PP".

Comentarios