Eva Vilaverde Pego, Coordinadora Nacional de Política Municipal e número 3 da lista do BNG

"O BNG xa fixo o traballo máis difícil en Pontevedra así que agora vén o mellor"

Acabada de incorporar ao equipo nacionalista na cidade capitalina, afi rma que o Bloque conta con todas as bazas para obter un resultado histórico no Concello, recuperar a representación no Congreso, manterse no Goberno provincial e continuar no Parlamento europeo. Vilaverde analiza para Diario de Pontevedra as claves do panorama político actual

Eva Vilaverde Pego. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Eva Vilaverde Pego. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

LICENCIADA EN Ciencias Políticas e da Administración Pública pola Universidade de Santiago de Compostela, Eva Vilaverde Pego comezou a súa traxectoria política no BNG de Moraña, municipio no que naceu en 1977. Ademais de concelleira na oposición, nestes anos asumiu varios cargos dentro do partido, tanto a nivel local como comarcal e nacional. Desde 2015 é deputada do Goberno provincial, no que é a responsable de Príncipe Felipe, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Escola de Enfermería, a fi nca de Mouriscade e o CAAN. Esta semana, o BNG de Pontevedra anunciou a súa incorporación á lista para as eleccións municipais do Concello capitalino no posto número tres.

Como se xestou a súa incorporación a esta lista?
Eu levo estes últimos anos traballando de maneira moi próxima ao grupo muncipal de Pontevedra, sobre todo polas responsabilidades que teño na Deputación. E tamén me axudou a dar o paso o feito de que no BNG de Moraña a cousa está encarrilada e cun moi bo equipo.

Foi unha decisión sinxela?
Relativamente, porque é unha responsabilidade enorme. Para min o grupo municipal do BNG de Pontevedra é un referente. Desde que entrei a militar en Moraña era a eles a quen miraba, a quen preguntaba cando tiña algunha dúbida... E a nivel de Goberno son o exemplo a seguir do que queremos facer como BNG nas distintas institucións, así que ver que vas formar parte dese equipo é un orgullo. Ademais, aquí atopas un campo labrado porque levan moitos anos traballando. O máis difícil xa o fixeron e agora vén o mellor.

E que cre que lle pode achegar vostede?
Equipo. Eles xa son un equipo, pero penso que podo encaixar ben porque traballo xenial con eles, aprendín con eles, sei cara a onde van, coñezo o proxecto e o día a día do seu traballo. Estamos a gusto xuntos.

Que experiencia saca destes catro anos como deputada provincial xunto a César Mosquera, un dos grandes referentes do BNG de Pontevedra?
El é unha pasada. Non hai día que pase con el que non aprenda algo politicamente. Ver a capacidade de análise, os coñecementos e a perspectiva que ten é alucinante. Non coñezo a ninguén coa súa capacidade política.

Cal é o seu prognóstico para as eleccións municipais?
Teño moitas esperanzas. O BNG é unha forza política á alza. Estamos traballando moi unidos, coas ideas moi marcadas e co discurso máis clarifi cado e todo iso a xente estao percibindo, así que penso que se vai notar nos resultados. Vémolo nós na rúa, que é a mellor enquisa de todas. Loxicamente, a nivel municipal dependerá de moitas variables e da situación concreta en cada concello, pero ese bo ritmo a nivel nacional vai axudar a tirar para arriba. Ademais, estamos traballando con proxectos propios en cada localidade, porque as persoas son importantes pero hai que ter proxectos e ideas claras para cada un dos sitios adaptándose á realidade e ás necesidades de cada lugar. Penso que estes anos o traballo se fi xo e se está facendo ben.

Na lista que presentou o BNG de Pontevedra, Anxos Riveiro vai no número 12. Vea tomando posesión no Pleno de investidura?
Claro. Unha concelleira coma ela non pode quedar fóra. E a Xosé Abilleira, que vai no posto 14, tamén. Dicíao xa o alcalde: imos a por todas e non renunciamos a nada. Só faltaba a estas alturas. Ademais temos unha lista preparada para iso. Que Anxos Riveiro vaia de 12 é unha mostra. Ela ten sobradamente demostrado o seu bo facer e é unha das concelleiras máis queridas a nivel social. O grande desta lista é precisamente iso, que a colles do número dous ata o final e lle podes dar a volta ou partila pola metade e subir ou baixar e tamén valería, porque hai xente capacitada do principio ao fi nal. De feito, polo fi nal está Lola Dopico e o último dos titulares é Luís Bará. En defi nitiva, nós estamos preparados para asumir o que os veciños queiran e se queren que este proxecto teña un plus e que se siga executando con solvencia, eles deciden.

Lores leva vinte anos sendo alcalde. Cre que ten sentido o debate sobre a limitación de mandatos, un debate no que o BNG ten participado activamente, por exemplo, cando gobernaba Fraga?
Está ben falar de todo, pero non entendo moito ata que límite podemos chegar con ese debate. Non me ‘plantexo’ que no Barcelona lle dean unha limitación a Messi, por exemplo. Eu penso que teñen que estar os mellores e os que teñan maior capacidade e forza para tirar do carro e Lores cada vez ten máis, así que frealo sería unha irresponsabilidade.

Cre que a convocatoria das eleccións xerais vai condicionar o resultado das municipais?
Temos que traballar co fin de que condicionen en positivo, porque para nós é unha oportunidade para que este país volva estar representado no Congreso dos Deputados. Estes anos a xente xa puido ver para que valen certos experimentos e o perigoso que resulta que o BNG non estea alí.

Primeiro o fenóneno de Anova e despois o xurdimento das Mareas afectaron negativamente aos resultados que obtivo o Bloque Nacionalista Galego hai uns anos, pero agora estamos nun proceso máis ben á inversa, incluíndo unha crise interna en Marea. Que lectura fai desa situación de cara ás eleccións?
É certo que estamos notando que hai xente que se apartara do BNG e que está volvendo e que se está incorporando outra nova, pero eu creo que os resultados electorais van depender máis do ben que o fagamos nós que do mal que o fagan os outros. Nestes últimos anos, desde que temos a Ana Pontón de portavoz nacional, levamos traballado en clarifi car o discurso, en ter un proxecto moi definido e en que se entenda. A xente ve iso e tamén ve que a nivel interno hai cohesión e unidade. Ademais, temos sobradamente demostrado que somos unha organización política seria e solvente. Por outra banda, a cidadanía tamén se decata de que, á hora da verdade, os que teñen dependencias e ataduras con organizacións estatais non teñen liberdade para defender este país e con nós ese problema non existe, así que os que tiñan dúbidas agora decatáronse do que pode pasar.

Cre entón que o BNG volverá ter representantes da provincia de Pontevedra no Congreso?
Si. Vimos dunha situación complicada, de dous procesos electorais das xerais nos que non tivemos representación, pero agora a tendencia é a contraria. E para iso poñemos a Carme da Silva, que é unha persoa con capacidade e solvencia que nos garantiza estar ben representados en Madrid. Das eleccións europeas fálase menos, pero tamén están aí.

Por que é importante que o BNG estea no Parlamento Europeo?
É importante estar nas institucións. A nós non nos gusta a UE...

Tampouco as deputacións...
Claro, pero aí quería ir. A UE funciona a través de intereses económicos, con lobbies... pero hai que estar porque se toman decisións que nos afectan, igual que sucede coas deputacións e co Congreso. Nós somos nacionalistas, así que gustaríanos que houbese outra estrutura territorial e outra organización, pero é a que hai, así que queremos estar porque é onde se deciden cousas que lle afectan a este país e a UE é a institución onde se ve máis claramente. Os galegos coñecen a Ana Miranda e non creo que poidan citar a moitos máis parlamentarios europeos de ningunha outra forza política e iso é así porque ela está nos asuntos que lle interesan a Galicia: no tema da pesca, do saneamento da ría, do accidente do Alvia, de Meirás...

Unha das cuestións que están marcando o debate no Estado é o ‘procés’ catalán. Como cre que lle está afectando á toma de decisións políticas das distintas forzas e á radicalización do voto de dereitas?
Creo que botarlle a culpa de que se radicalice o voto da dereita xusto á parte que defende a democracia e os dereitos civís..., en fin. Aí quen ten un problema é a dereita, que no momento no que alguén lle intenta mover os marcos se radicaliza. De todas maneiras, aquí esa radicalización xa a temos dentro, pois moitas das cousas que agora parece que asustan tanto están pasando no Parlamento galego desde hai moito tempo, como a parálise durante estes dez anos da lei de igualdade ou o ataque á lingua. Cando o PP entrou no Goberno autonómico despois do bipartito, as primeiras cousas contra as que foi foron a igualdade, coa supresión da súa Secretaría Xeral, e o decreto do galego. Van metendo esas cousas mentres se disfrazan de ‘progres’.

E en que posición está o BNG nese debate?
Na mesma que estivemos sempre: na defensa dos valores democráticos por riba de todo e dos intereses e da identidade deste país. O pobo galego ten dereito a autodeterminarse e a decidir por si mesmo sexa o que sexa, pero iso é defender a democracia e é defender a posibilidade de que a xente fale e opine, non é ser máis ou menos radical. O BNG tamén defendeu sempre os dereitos das mulleres; somos e sempre fomos unha forza política feminista. Así que agora vir con estas... Nós levamos moito tempo aí escornando na defensa da democracia e dos dereitos individuais e colectivos. Esa é a nosa posición. Despois, que outros se radicalicen por aquí ou por alí, pois alá cada quen coas consecuencias que poida ter e coas súas responsabilidades. Iso si, que ninguén se esconda nin se disfrace de nada. Nós vimos defendendo o mesmo desde hai moitos anos, así que non sorprendemos a ninguén.

E neste escenario no que hai un abano político máis amplo que nunca, cal é o seu prognóstico para as eleccións xerais?
Por un lado, imos recuperar a voz do BNG no Congreso e por outro non vai haber maiorías, así que é aínda menos baladí a presenza dunha forza como a nosa, porque se pode rendibilizar máis.

Que cambiou desde o ano 2015 para que estea tan convencida de que agora si van obter esa representación en Madrid?
As nosas propias circunstancias. Viñamos dunha situación moi complicada a nivel interno como consecuencia dalgunhas variables e tamén de erros propios que houbo que corrixir. Niso estivemos traballando, pero agora estamos máis recuperados e estabilizados. Ademais, outras apostas que naquel momento parecían a salvación demostraron non selo. Nós aínda estamos nese proceso de reconstrución, pero temos unha situación moitísimo mellor que hai catro anos. Daquela fíxose un traballo de campaña excepcional, a de Luís Bará por Pontevedra foi espectacular, pero agora é máis fácil transmitirllo aos demais.

E durante estes catro anos, que asuntos importantes para os galegos quedaron fóra do Congreso por non estar alí o Bloque Nacionalista Galego?
Buf! Podería pasar horas citándoos... A tarifa eléctrica galega, Ence, a memoria histórica de Galicia, Meirás, o tema da AP-9 ao que se lle deu tantas voltas para nada, etcétera. E a mostra máis clara de que este país non é unha prioridade para os demais é que ninguén fose quen de presentar unha emenda á totalidade dos Orzamentos pese á súa absoluta falta de respecto a Galicia.

Como cre que van mudar estas próximas eleccións municipais o panorama político nos concellos da comarca de Pontevedra?
A nivel BNG a comarca pontevedresa é importante: temos neste momento tres alcaldías e tamén estamos no Goberno de Ponte Caldelas. Aspiramos a manter as que temos, aínda con maior representación, e a ir a máis. Estou segura de que se temos candidaturas garantiremos a nosa presenza en todos os concellos. De feito, temos moi boas perspectivas en Caldas de Reis, en Soutomaior...

E como ve a Deputación?
Veríaa moito mellor se houbese eleccións. Se tiveramos un sistema de elección directa estaría tranquilísima, pois o que se fixo neste mandato na Deputacion foi histórico. Démoslle unha volta total á maneira de traballar, ao reparto de fondos, etcétera, e iso foi grazas a que se asinou un acordo de Goberno potente e a que nos cinguimos a el. Como non hai eleccións directas dependerá de moitas variables, pero se a situación e o papel do PP provincial ten algo que ver co resultado do PP na Deputación...

Comentarios