A emoción foi a clara protagonista do acto de apertura da exposición E se foxe hoxe?, un proxecto fotográfico posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra co que se pretende homenaxear ás vítimas do golpe de 1936. Con ese obxectivo sobre a mesa, distintas persoas, como o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, ou o ilustrador Kiko da Silva, puxéronse no lugar de quen ocupaba daquela o seu mesmo cargo.
"Con esta iniciativa pretendemos lembrar ás vítimas do franquismo e denunciar as consecuencias que tería reditar o ideario dos seus asasinos. Homenaxeando así á xeración arrebata e chamando a atención do que suporía unha nova oleada fascista", explicou esta tarde a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, na inauguración.
Se iso ocurrise, engadiu, "toda a sociedade padecería as consecuencias da imposición das ideas reaccionarias que traerían consigo unha tremenda involución, unha perda global de dereitos, especialmente gravoso no caso das mulleres".
"Con esta iniciativa pretendemos lembrar ás vítimas do franquismo e denunciar as consecuencias que tería reditar o ideario dos seus asasinos"
Ortega quixo poñer tamén o foco no avance da ultradereita, "que vai da man da negación do feminismo, da nosa liberdade, da demonización da política e da desaparición dos avances colectivos".
Para tratar de evitalo, "quixemos traer ao presente ás vítimas de entón, para humanizalas, para que a sociedade entende que non era distinta a nós". E que mellor que facelo "cunha campaña impactante, que non pasara desapercibida para ninguén, cunha campaña incómoda que nos faga pensar, que nos impida manter unha postura equidistante".

A deputada aproveitou o acto para lembrar tamén que Galicia "segue sen unha lei de Memoria nin políticas públicas", e denunciar que "a dereita estatal ameaza con que será a primeira que derogue".
"Nós, que dende o primeiro momento manifestamos con claridade a nosa intención de facer memoria sempre da man das asociación, comprometémonos a seguir ao voso lado. Onde sexa e do feito que sexa, pero sempre con vós", afirmou, entre lágrimas, antes de concluir que "seguiremos avanzando. Nin un paso atrás na memoria".

No acto interviron tamén a profesora do IES Sánchez Cantón, Anxos Rial, e o rexidor nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores. Ambos os dous fixeron especial fincapé na falta de información que existe entre a xuventude.
"A xente nova descoñece totalmente o que pasou, e o feito de facelo con este tipo de imaxes, fai que poidamos analizar como vería a xente o que pasou naquel momento. Nada é irreversible, e para que non se produza outra masacre fascista e franquista, é conveniente que todos os cidadáns coñezan o que pasou", sinalou o alcalde.
Lores, Carmela Silva, María Ramallo, Kiko da Silva ou Cano Paz son algúns dos protagonistas da mostra, que estará aberta ata o día 22
"Eu sempre me pregunto onde estaría hoxe en día Pontevedra e Galicia se non houbera esa masacre, porque nela destruiron o mellor que había nesta cidade e neste país", engadiu.
A encargada de poñer o toque musical a este acto foi Sheila Patricia, interpretando obras como ‘Manolo mío’. A mostra estará aberta ata o día 22 de xuño.
