"Bótense atrás, que chega Donald Trump"

O novo presidente de Estados Unidos protagoniza un desfile de Entroido multitudinario, no que tamén houbo espazo para sacarlle punta a temas locais como a construción do Gran Montecelo ou o compost

Donald Trump irrumpiu este sábado no Entroido de Pontevedra. Fíxoo de xeito destacado, como un dos protagonistas do desfile de disfraces e comparsas, que saíu ás cinco da tarde da rúa José Malvar e se prolongou ata primeira hora da noite, cando o último grupo chegou á Alameda. No seu regreso ao percorrido habitual, tralas obras da Praza do Hospital do ano pasado que obrigaran a realizar unha ruta alternativa, o desfile de Entroido foi seguido por milleiros de persoas que encheron as beirarrúas ao longo de todo o camiño.

Precisamente o novo presidente dos Estados Unidos foi un dos encargados de abrir a actividade. Ía xusto detrás do Rei Urco, personaxe que sempre encabeza a comitiva carnavaleira, e da comparsa Os Canecos. Seguido dunha cuadrilla de mexicanos, Trump ía subido nun camión que levaba o lema Construcciones Trump e acompañado por unha boneca inchable. Pechaba o grupo a cantina Tiriti Trump.

As referencias ao mandatario estadounidense reaparecían un pouco máis adiante, desta vez cuns personaxes mexicanos con carteis nos que se podía ler: Trum Pulleiro. Contigo soben o ladrillo e o cemento ou Mira quién salta (en referencia ao polémico muro entre Estados Unidos e México que quere construír). E aínda unha alusión máis, a de Rafa Córdoba. O animador pontevedrés, disfrazado de velliña e co seu inseparable megáfono, tanto pedía que o levaran na bicicleta, como lle pide nunha canción de moda Shakira a Carlos Vives, como se dirixía ao público.

"Bótense para atrás, bótense para atrás, ¡que chega Donald Trump!". A de Trump non foi a única referencia á actualidade do desfile. Había dende unha pequena concursante de Masterchef Junior, o exitoso concurso da televisión, ata políticos corruptos, cheos de billetes, con carteis nos que se podía ler Pa Suiza ou Muy españoles y mucho españoles (un lapsus moi coñecido do presidente do Goberno, Mariano Rajoy).

Mentres ían pasando escoitánbanse polos seus altofalantes as gravacións filtradas aos medios do ex-presidente da Diputación de Valencia, Alfonso Rus, contando cartos nun coche xunto a un empresario. A actualidade local tamén centrou varias propostas dos grupos. Así aparecían a funerariacomposteira La Poca Fe ou o proxecto do novo hospital Gran Montecelo a cargo de Construcións Mal-Imos. Ademais había homenaxes á discoteca Daniel, á Romaría de San Bonitiño (coas barquiñas Antón Prieto II, MiLores e Mosquerita) e ata un particular Moisés que mostraba Os dez mandamentos do bo pontevedrés, que se poden resumir en dous: "Amarás o viño e a cervexa, e non tomarás o nome de Lores en van".

Todo isto con cancións de Entroido de fondo e outros temas de moda entre os que se escoitaba mesmo o himno composto na honra do xogador do Celta John Guidetti. A comparsa Amoriños de Bora foi a gañadora do primeiro premio do desfile do Entroido de Pontevedra deste ano. En segundo lugar quedaron Os Solfamidas e en terceiro, Os da Caña. Tamén recibiron galardóns Os 100 Tolos, Las Flores del Carnaval e Os Paparrulos.

Na categoría de grupos, en disfraces, foron recoñecidos Ciclón, co primeiro premio; Estrela da Noite, fantasía das bolboretas, co segundo, e Cor Café, co terceiro. Tamén houbo recoñecementos para Priscilla, raíña de Samieira, Alicia a través del espejo e Miúdos. Fantasía da noite meiga. En fachas fixéronse co premio máis importante Os Koloutros coa súa recreación da Romaría de San Bonitiño de Lérez. En segundo lugar quedou a Ampliación do hospital Montecelo a bo ritmo e en terceiro, Vamos a Todo coa súa homenaxe á discoteca Daniel no seu 50º aniversario.

O cuarto premio foi para A cofraría dos chupóns; o quinto para o King Kong de Os de Sempre, e o sexto para Alta cociña. Na categoría de parellas foron recoñecidas A natura e fabuloso (disfrace) e Que Deus nos pille confesados (facha). En segundo lugar quedaron Tempo de lembranza. Tempo de Pop Art (disfrace) e Vegetarianas (facha).

Finalmente, en individual, o primeiro premio en disfrace foi para Reciclator e o segundo para Pavoneándose por Pontevedra. En facha foron galardoados O soldado Cascorro (primeiro premio), que loitaba no conflito dos lindes entre Pontevedra e Poio, e Moisés e o dez mandamentos do bo pontevedrés.

O Concello repartíu este ano 26 premios (dotados en total con 24.300 euros) entre os participantes do desfile de Entroido. Tanto en disfraces individuais como de parellas había un primeiro e un segundo galardón para a categoría de disfrace e para a de facha. Entre os grupos recoñecíanse seis propostas, de novo tanto nas categorías de disfrace como de facha. Ademais había outros seis premios para as comparsas.