Carreira polas municipais de 2019

"Boto en falta propostas serias na oposición e un proxecto alternativo"

Miguel Anxo Fernández Lores. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. OLGA FERNÁNDEZ

Como valora o traballo dos grupos da oposición neste mandato?
A min gustaríame que fora doutra maneira. Boto en falta que haxa propostas serias, construtivas, un modelo alternativo. Sería positivo. Sinceramente, dá a impresión de que están noutra galaxia. Fan propostas de cuestións que están xa debatidas, é como vivir o día da marmota. Paréceme lamentable.

Fala de todos por igual?
Non. Eu teño que agradecer que Marea se abstivera para sacar adiante os Orzamentos. É certo que non é o seu presuposto, aínda que facilitar a gobernabilidade é o mínimo que se pode facer. O que pasa é que houbo comportamentos diferentes. Na toma do alcalde abstivéronse todos os grupos menos Marea, logo puxéronse todos de acordo para tumbar os orzamentos... É un pouco difícil de explicar que vendan que queren tumbar ó goberno do PP e logo se unan a outros para tumbar un goberno alternativo.

O concelleiro Raimundo González dixo no Pleno que lle desexaba a Moreira que volvera ser candidato. Pensa vostede o mesmo?
Eu non me meto en quen debe ser candidato ou non. Preocúpome por intentar transmitir a necesidade de que Pontevedra avance e transmitirlle ós cidadáns que sigan apostando por un Goberno que o intenta facer o mellor posible, e que ademais é referente, que temos moitísimas cousas en marcha e que o mellor está por vir. E os demais, que cada un arrime a brasa á súa sardiña.

Houbo algún momento no que os meus fillos non o pasaron precisamente ben, pero hoxe entenden que facemos algo positivo

Foi unha decisión estratéxica comunicar a decisión de volver presentarse?
Que va! A min leváronme ‘al huerto’ directamente. Foi unha metedura de pata.

O vindeiro venres, dalgunha maneira, iníciase a precampaña. Vai contar co mesmo equipo para o próximo mandato ou veremos caras novas?
O único que podo dicir é que nós imos facer o mellor equipo posible para facer o mellor goberno posible. E aí incluirase á xente que consideremos que o pode facer mellor. Ten que haber un peso de 50% de mulleres e homes. Sostemos que hai que facer unha discriminación positiva porque quédanos moito camiño por andar para conseguir a igualdade.

Como é a relación co Goberno galego?
De dous anos para acá houbo un certo cambio de actitude a respecto da cidade. Podo crer que é debido a que unha política de ‘nin auga’ non funciona a nivel incluso electoral e os cidadáns non son parvos. A Xunta entendeu que eu son dunha Administración pero os cidadáns tamén, e cando demandan algo razoable e sensato teñen que atendelos. Hai certas cuestións que funcionan. Ana Pastor ou Feijóo e incluso algún conselleiro foron atendendo a Pontevedra, non así Rajoy e algún outro conselleiro que é máis hooligan, no bo sentido da palabra. Eu sempre procuro ser amable, levarme ben con todo o mundo. Non creo que o enfrontamento sirva para nada, pero cando te entran a trucar ti deféndeste polo menos.

Como ve a tensión interna de Marea, Podemos...?
Eu non entro aí. Nós temos que preocuparnos do noso, ofertar alternativas razoables ós cidadáns e meterlles na cabeza que este país ten moitas posibilidades, pero que é necesario que haxa unha folla de ruta, confianza no país e ilusión. Esa confianza no país non a percibo noutras forzas políticas. Eu creo no país. Pontevedra é un exemplo de todo iso. Eu non lle digo á xente que se faga nacionalista. Intento transmitir que hai formas distintas de facer as cousas. Se hai xente que pensa que un millón de persoas van vivir do agro en Galicia non está ben da cabeza. Agora, que o agro non pode estar así é indiscutible. Hai que ser sensatos e non se poden cambiar as cousas da noite á mañá, pero cal é hoxe a folla de ruta do Goberno autonómico? Cal é o futuro deste país? Vemos que se está recortando en todos os sitios, e non se fai nada.

No plano máis persoal, tantos anos na primeira liña da política municipal teñen que ter algún dano colateral. Cantas veces lle pediu a súa familia que o deixara?
Teño unha familia marabillosa. É certo que nalgúns momentos, sobre todo sendo pequenos os nenos, non o pasaron ben. Pero hoxe son maiores e entenden que estamos facendo algo positivo. Iso e pensar que todo o que puideches facer ó final tamén pode repercutir algo na sociedade váleme para durmir tranquilo. No meu caso máis aínda porque veño do eido da sanidade. Curar persoas, curar cidades... A miña formación axúdame. Hai xente que pensa que buscamos unha cidade saudable porque son médico, que esa preocupación pola saúde pública, porque non haxa accidentes, pola accesibilidade, vén de aí.

Bota en falta a medicina?
Si porque é moi agradable en determinados momentos. A xente valora moito o trato persoal e de proximidade do médico. Sei que non podes curar a un señor que ten un cancro terminal, pero podes facerllo máis levadeiro. Coa medicina recibes unha compensación que é máis difícil de obter na política, pero sobre todo porque está a oposición. Eu aspiro dalgunha maneira a que a xente valore e entenda que non hai mala intención. Moléstame cando me din que estamos facendo cousas en todos os sitios menos aquí. Vale, pero alomenos recoñece que se fan cousas e pouco a pouco chegaremos a todas as parroquias e todos os barrios.
 

Comentarios