'Breathelife 2030' dá a benvida á Deputación na súa páxina web

A Deputación súmase "co compromiso de reducir a contaminación do aire en sectores clave"
Deputación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Deputación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A páxina web do proxecto Breathelife 2030 ten na súa portada principal unha nota de benvida na que se "enche de orgullo" por recibir "nas súas filas" a sete novos gobernos entre os que se sitúa a Deputación de Pontevedra. 

Deste xeito, a institución que preside Carmela Silva, xunto a Lima, París, Montreal, Medellín, Blaikpapan e Jambi forman parte desta nota de benvida emitida pola iniciativa da OMS, ONU e Coalición Clima e Aire Limpo. 

Segundo a web de Breathelife, a Deputación únese ao proxecto "co compromiso de reducir a contaminación do aire (incluídos os contaminantes climáticos) en sectores clave, para mellorar os estándares de calidade do aire a través de operacións institucionais e colaborando con outras administracións para crear e aprobar plans locais. Todo como parte dos esforzos para cumprir coa Axenda de Desenvolvemento Sostible 2030". 

A Administración provincial adheriuse a comezos do pasado mes de agosto a Breathelife co obxectivo de aliñarse coas estratexías internacionais na loita contra a contaminación atmosférica e na aposta por un aire limpo. Deste xeito a institución provincial foi a primeira administración galega en sumarse a esta iniciativa e a terceira de España tras o País Vasco e Cataluña. 

Carmela Silva amosa o seu agradecemento "pola boa acollida de Breathelife" e incide en que a contaminación atmosférica, "o asasino invisible", causa sete millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, "máis que os accidentes de tráfico".