viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

O bo tempo anima un multitudinario desfile de Entroido en Pontevedra

Participantes en el desfile de Pontevedra. R.FARIÑA
Participantes en el desfile de Pontevedra. R.FARIÑA
A convocatoria foi unha das máis numerosas dos últimos anos

Do narcosubmarino apresado na ría de Aldán á renovación da Ponte do Burgo de Pontevedra; do éxito do programa de Telecinco La Isla de las Tentaciones á alerta sanitaria por mor do coronavirus, a actualidade mandou no desfile de Entroido de Pontevedra. Por haber, había ata un Satisfyer, o xoguete sexual de moda.

 

Todos eles compartiron protagonismo coas comparsas e con outros grupos, como os que recreaban un circo ou facían referencias a películas e musicais como Aladdin, de Disney, ou Sister Act, que na súa versión para o cine contou con Whoopy Golberg como protagonista, nun evento que este sábado ateigou as rúas de Pontevedra como non se viu nos últimos anos.

Milleiros de persoas asistiron ao desfile, que arrancou arredor das 17.00 horas na rúa José Malvar e, tras percorrer todo o centro da cidade, rematou ben entrada a noite na Praza da Ferraría, onde tivo lugar a entrega de premios aos mellores disfraces.

Os dous grandes protagonistas deste ano foron: o narcosubmarino e La Isla de las Tentaciones. Ata tres grupos apostaron por recrear o que foi o apresamento da embarcación, a finais de ano, en Cangas. Un deles levaba escrito no navío ‘Brigada Especializada en Blanqueo de Fondos’. Os outros dous ían acompañados por un gran despregue de ‘Polisía’, ‘Juardia Sivil’, Salvamento Marítimo, helicópteros, lanchas motoras e mesmo medios de comunicación, incluída a ‘Telejaita’.

Participantes en el desfile de Pontevedra. R.FARIÑA

O barullo da recreación do que foi o apresamento do submarino cun cargamento de droga competíu co berro máis escoitado deste ano no desfile: "¡Estefanííía!". O bramido soltouno un participante no concurso de Telecinco La Isla de las Tentaciones, que este sábado foi parodiado por, polo menos, dous grupos.

Disfraz de Satisfyer en el desfile de Pontevedra. RAFA FARIÑANo plano individual chamaron a atención as referencias ao coronavirus, cun disfraz de médica (“doutora Córdoba”) concentrada no tratamento da enfermidade, e ao Satisfayer, nunha alusión directa ao sorteo do succionador de clítoris nas festas de Raxó.

E no plano local, o máis chamativo foron as dúas parodias da renovación da Ponte do Burgo. A que a rebautizada como a Ponte das Galaxias levou a Lores a converterse, por obra e graza do Entroido, nun particular Darth Vader, con frase mítica incluída: "Eu son o teu alcalde"; á concelleira Anabel Gulías, na princesa Leia, e ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, en Chewacca.

A recreación incluía a nova ponte coa súa iluminación; ás vellas farolas saltando polos aires, e ata a gasolineira.

Participantes en el desfile de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Poucas máis referencias houbo a políticos. Só se viu tamén a Pedro Sánchez compartindo cama con Pablo Iglesias. A actualidade política non se fixo co oco que outras veces tivo no Entroido.

Si o fixeron clásicos como as sátiras sobre os límites de velocidade en Pontevedra. Ou unha dirixida aos donos de cans, co emoji da caca xigante do WhatsApp incluído.

O bo tempo anima un multitudinario desfile de Entroido en Pontevedra
Comentarios