A Burla Verde comeza a perfilarse

Doce fotógrafos retrataron esta fin de semana montes nos que están proxectados eólicos
Un dos fotógrafos inmortalizando os montes Cádavo e Montouto. DP
photo_camera Un dos fotógrafos inmortalizando os montes Cádavo e Montouto. DP

Numerosos colectivos, asociacións, veciñas e veciños dos territorios nos que están proxectados parques eólicos levan anos realizando accións en defensa destes espazos naturais e rurais: alegacións as declaracións de impacto ambiental, manifestacións, concentracións, charlas informativas e outras tantas actividades.

Este é o caso das asociacións Alarma Terra de Montes e Rapa das Bestas de Sabucedo, o Colectivo do Vento, SOS Suído Seixo e o colectivo de Rousmeri Caroi que entre as actuacións mais recentes está o chamamento a unha acción colectiva da sociedade galega fronte a "invasión dos parques eólicos en toda Galicia" denominada Burla Verde, que ten convocada para o 29 de abril unha serie de actos no curro da Rapa das Bestas de Sabucedo.

Na raíz deste movemento social naceu tamén a convocatoria de "artivismo" baixo o título O devalar do monte galego. Esta acción fotográfica acuña este termo en referencia ó autor Ramón Otero Pedrayo que utilizou esta forma poética coa que expresaba as formas nas que a paisaxe xorden e mudan co tempo, coma o monte devala cara ó val ou o río cara o mar.

Mais tamén adaptándose ó seu sentido máis literal, "minguar, que na contemporaneidade máis cruda mostra a perda dos nosos espazos naturais, patrimonio e cultura", explican os organizadores de Burla Verde, que precisan que "esta é unha proposta que pretende crear un modelo de confluencia entre arte, ciencia, compromiso social e vivencia local para mostrar a sensibilidade destes ecosistemas naturais e culturais a calquera transformación enerxética-industrial".

Así, durante este fin de semana 12 profesionais da fotografía (Cristina Abilleira, Anxo Cabada, Mónica Vila Ferreirós, Julio Eiroa, Carla Fernández Andrade, Miguel Riopa, Rosa Neutro, Damián Porto, Elena Buch, Pablo Camba, Judith Adataberna, Ángel Araujo), mais un documentalista (Adrián Vilas), acompañados de 12 guías locais acudiron a diferentes lugares dos montes Cádavo e Montouto (nos concellos de Campo Lameiro, A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Cuntis) onde se pretenden instalar os aeroxeradores eléctricos e outras instalacións relacionadas cos citados parques.

"A idea é que a creatividade que se desenvolveu sobre o terreo desemboque nunha exposición deseñada coma instalación total na que a fotografía e o son das gravacións recollidas noutras xornadas, xunto con outras formas artísticas, acheguen unha perspectiva sensorial do que se perderá baixo a propagación dos eólicos", explican.

Con este espírito, acompañarán á exposición charlas e mesas redondas, que convocarán a personalidades do mundo científico, naturalistas, da antropoloxía, da loita en defensa da natureza, dos usos económicos e sociais tradicionais do monte, entre outros.

A organización anuncia tamén que se organizaran obradoiros cun enfoque pedagóxico e didáctico que acheguen as problemáticas expostas á poboación.

Comentarios