sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

O CAAN celebra unha das adopcións máis impactantes da súa historia

Rocío reencontrouse este sábado coa cadela Paloma no CAAN. DP
Rocío reencontrouse este sábado coa cadela Paloma no CAAN. DP

Rocío Castro e Paloma son as protagonistas dunha historia de compromiso e sensibilidade para evitar o sufrimento dos animais

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da Deputación vén de acadar unha das adopcións máis relevantes da súa historia. Unha veciña de Santiago, Rocío Castro, vén de facerse cargo de Paloma, unha cadela recollida en setembro de 2017 logo de ser atropelada e recuperarse das graves lesións que padecía e polas que se temía pola súa vida. A nova propietaria, ademais de participar no rescate da cadela, estivo sempre pendente da súa evolución e, a pesares de que aínda a día de hoxe ten importantes secuelas do incidente, decidiu que se ía facer cargo dela dende o primeiro momento.

"Eu non ía buscando un can, pero a historia de Paloma cruzóuseme no camiño", explicou Rocío.

A moza vive en Santiago e un sábado de setembro ía cara a Bueu cando na estrada PO-313 atopou a unha rapaza chorando nunha cuneta. Parou para saber o que acontecía e viu que o desasosego se debía a que había un can atropelado, escuálido, sangrando, tirado no chan, pero aínda vivo. "Como son moi sensible púxenme moi nerviosa. A rapaza contounos que avisara aos veciños e que non lle fixeran caso. Sabían que o can fora atropelado ás doce da noite do día anterior. Vírono e deixárono sufrir durante toda a noite!", lamentou Rocío, que lembrou que a rapaza avisara á Policía de Marín, que finalmente trasladou unha patrulla e fíxose cargo do animal.

"Eu marchei e quedei cunha sensación fatal porque non sabía que ía pasar co can. A través de Facebook e das redes sociais dinme de alta en varias asociacións da zona e, grazas a Cadeliños, souben que o levaran ao CAAN da Deputación. A partir de aí estiven en contacto sempre. Púxenme a disposición para pagar o que fose necesario. Estaba a ver se sobrevivía, porque tivo moitas operacións, pero eu sempre dixen que estaba disposta a adoptar. Sabía das secuelas da cadela, que para min eran impactantes... Pero non facerme cargo dela non era unha opción", asegurou a moza.

Así, Rocío foi coñecendo da man dos veterinarios do CAAN a evolución de Paloma nos últimos meses, que estiveron cheos de sufrimento. O animal tiña un prognóstico moi malo cando chegou ao centro da Deputación. Tiña alteracións na columna polo atropelo, fractura de cadeira e cóbado, así como moi pouco peso e pulgas e carrachos que facían que a súa pel estivese en moi mal estado. Non tiña microchip e non foi reclamada por ninguén.

Tivo que pasar catro cirurxías, unha delas moi complexa e fóra do CAAN, para intentar estabilizarlle a columna vertebral. Finalmente a súa recuperación avanzou mellor do previsto e, grazas á rehabilitación, foi capaz de volver a ter mobilidade e recuperou reflexo anal, non así o da vexiga.

"Agora o seu prognóstico non é malo e coa recuperación que tivo en só catro meses estamos súper orgullosos. Fixemos un plus de esforzo e nas últimas semanas coa fisioterapia conseguimos moitos avances", explicou José Luis, un dos veterinarios do CAAN, que engade que agora Paloma ten en Rocío unha persoa suficientemente sensible para aceptar os seus problemas e aínda así adoptala.

O CAAN celebra unha das adopcións máis impactantes da súa historia
Comentarios