viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

O CAAN recolleu no que vai de ano 994 animais e tramitou 353 adopcións

Carmela Silva visitou este martes o centro CAAN co deputado Manuel González. DP
Carmela Silva visitou este martes o centro CAAN co deputado Manuel González. DP
O centro está sendo obxecto de numerosas obras para mellorar aínda máis as súas condicións

O Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) que a Deputación xestiona na Armenteira (Meis) acolle actualmente a case 450 cans. O servizo recibiu este martes a visita da presidenta provincial, Carmela Silva, que salientou o labor realizado e lembrou que as instalacións están sendo obxecto de reformas "para prestar aínda un mellor servizo" aos 48 concellos da provincia que están adheridos.

Silva, que estivo acompañada polo deputado Manuel González, concretou que eses traballos teñen por obxecto a adecuación do CAAN á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia. Así, inclúen a creación dunha nova zona de maternidade, outra de esparexemento, a remodelación da zona de corentena, que suporá a eliminación das gaiolas de corentena de forma definitiva, a reforma da zona hospitalización e a mellora do espazo de clínica. De xeito especial, Silva salientou que na futura zona de esparexemento "os animais van estar en liberdade e aínda en mellores condicións".

Pese a que este ano os rexistros do centro amosan unha tendencia positiva nas cifras de abandono animal na provincia, a presidenta volveu animar á veciñanza a adoptar e a coidar debidamente aos cans e engadiu que o obxectivo é "o abandono cero". Por iso avogou pola educación, para conseguir eliminar abandonos e condutas como as que levaron ao CAAN a Rulo, un exemplar mestizo que ingresou este martes no centro para ser recuperado tras ser incautado ao seu dono pola Policía por maltrato, en Redondela.

Ademais, a presidenta tamén comprobou a recuperación de Ánxela e Mara, as dúas cadeliñas que foron arroxadas a un colector de lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e que están saíndo adiante grazas a outra cadela de acollida, Rula, que as aleitou no CAAN. "Evolucionan moi favorablemente e seguro que as levarán moi pronto e terán unha nova familia. Creo que temos que facer unha homenaxe a Rula, que foi a que as alimentou e nos deu unha verdadeira lección de vida", dixo. Silva tamén coñeceu a Bertín, un can mestizo das Neves que leva no centro de Meis desde 2013.

No que vai de ano tramitáronse 232 expedientes de localización de propietarios, dos que 17 remataron en denuncia por abandono ou maltrato

BALANCE. O ano pasado, o CAAN recolleu 1.788 animais. Deles, 374 foron devoltos aos seus propietarios antes de ser trasladados ao centro e 372 foron recollidos xa alí polos seus donos. As cifras están mellorando neste 2019, porque se levan recollidos 994, dos que 263 foron devoltos antes de levalos ao CAAN e 229 foron recollidos polos propietarios. Tamén descendeu a porcentaxe de abandonos en función da poboación, un 0,33% este ano fronte ao 0,49% do pasado.

Con respecto ao número de adopcións, Silva destacou que "van a moi bo ritmo", pois se en todo 2018 houbo 360, no que vai de 2019 xa van 353.

Ata o 10 de outubro deste ano tramitáronse 232 expedientes de localización de propietarios, dos que 17 remataron en denuncia por abandono ou maltrato, mentres que o pasado ano houbo 138 expedientes e 27 denuncias.

Un 9,49% dos cans recollidos en 2018 tiñan microchip, fronte ao 7,4% do 2017 e ao 6% do 2016. Neste caso, a dirixente provincial lembrou que poñerlles chip "é un requisito obrigatorio por lei". Ademais, un 7,7% dos animais recollidos presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico.

Respecto ás razas, explicou que no CAAN non existe ningunha especialmente numerosa e actualmente só hai sete exemplares de raza potencialmente perigosa, a maioría con propietario. Así mesmo, as razas identificadas como de caza son frecuentes, aínda que tamén son as máis adoptadas.

PRÓXIMA CAMPAÑA. Por último, Silva referiuse á vindeira campaña de sensibilización que a Deputación porá en marcha contra o abandono e para fomentar as adopcións en datas próximas ao Nadal. "As nenas e os nenos piden na casa un animal de compaña e o que se fai e compralos. Sen embargo, adoptar é unha actitude moito máis social", subliñou.

Pola súa banda, o veterinario José Luis Pedreira indicou que nas adopcións, que son gratuítas, o persoal do CAAN sempre asesora ás persoas interesadas sobre o animal para "que poida adaptarse mellor ás súas necesidades" e que, trala firma do contrato, saen do centro vacinados, desparasitados e esterilizados.

O CAAN recolleu no que vai de ano 994 animais e tramitou 353 adopcións
Comentarios