Caballero pronostica que a debacle do PP "comezará en Pontevedra"

O líder socialista arenga á militancia pontevedresa: "Non haberá cambio en Galicia se non o lidera o PSOE"
O candidato do PSdeG á Xunta saúda ós militantes da provincia. DAVID FREIRE
photo_camera O candidato do PSdeG á Xunta saúda ós militantes da provincia. DAVID FREIRE

O candidato do PSOE á Xunta tamén quixo estar, no primeiro día de precampaña, na capital da provincia pola que concurre a estas eleccións. Fíxoo para presidir un acto coa militancia, no que se atopaban, entre outros, Patricia Vilán e María Pierres, excluidas da candidatura que rubricou o propio Gonzalo Caballero: "Non hai cambio se non o lidera o PSOE fronte ás dereitas e á ultradereita", apuntou.

Antes de dirixirse ós afiliados, pronosticou unha debacle do PP en Pontevedra, provincia clave neste proceso ao aglutinar tamén a candidatura do actual presidente do Goberno galego. "Vai haber unha confrontación entre o PP e unha maioría social progresista encabezada polo PSOE. Cremos que o PP vai ter unha baixada electoral histórica nesta provincia, na que Feijóo vai pinchar e sufrir o deterioro electoral no eido urbano e o desgaste no rural. Vai perder a maioría absoluta e Pontevedra vai ser a punta de lanza da victoria progresista en Galicia", dixo.

Caballero non escatimou críticas ó seu gran rival, Alberto Núñez Feijóo, ó que acusou de querer agochar agora as siglas

Sobre a composición das listas dos seus posibles aliados, o líder socialista desexoulle ás demais forzas progresistas "que acerten nos plantexamentos e nas súas estratexias. O que nos preocupa a nós é liderar unha maioría de progreso e darlle a Galicia un goberno de futuro, pasar páxina a once anos de xestión nefasta, e de retroceso para a maioría do país".

Xa en clave mitin, lembrou que "a Galicia vaille ben cun goberno progresista en España e iso é o que queremos tamén para Galicia, para facer política pensando nas persoas". Adiantou cales serán algúns dos eixos do futuro goberno progresista: a defensa da sanidade pública, o emprego, a industria, o benestar e os servizos sociais.

Caballero non escatimou críticas ó seu gran rival, Alberto Núñez Feijóo, ó que acusou de querer agochar agora as siglas, "pero é do PP. Dicía que vía ben os pactos con Vox en Murcia, en Madrid, en Andalucía... votou no Parlamento galego en contra da eutanasia... hai que dicilo: Feijóo é o PP".

E rematou afirmando que "o relato falaz de que o PP é o único que pode dar boa xestión vénse abaixo porque todos os parámetros importantes foron a peor na etapa de Núñez Feijóo".

Comentarios