Cabezudos e gaiteiros encheron as rúas

O ambiente festivo comezou con pasarrúas de música popular e a tradicional saída dos xigantes e cabezudos
Grupo de gaiteiros animando as rúas.JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Grupo de gaiteiros animando as rúas.JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A semana grande da Peregrina comezou sábado marcada pola nova normalidade e as medidas de seguridade. Isto non evitou o ambiente de celebración da cidade nin tampouco condicionou a asistencia de pontevedreses e pontevedresas ás múltiples propostas da axenda.

Os espectáculos comezaron xa de mañá, da man dos pasarrúas do ciclo 'Ruando', que tiveron a música tradicional coma protagonista. Os gaiteiros do grupo 'Os de Algures' trasladaron o ambiente de celebración ao barrio da Parda mentres que a asociación 'Duos Pontes' encargouse de facer o mesmo pero no centro histórico da cidade.

A nova normalidade tampouco impediu a saída do desfile de cabezudos e xigantes, con máis dun século de tradición. Ao son da música e baixo a mirada atenta dos que alí se atopaban, percorreron as rúas do centro da cidade. A proposta de 'Ruando' continuou pola tarde e nesta ocasión os gaiteiros 'Os de Algures' pasaron a percorrer as rúas do centro histórico mentres que 'Pousos de Area' levou a súa música popular ao barrio de Campolongo. A zona de Santa Clara tamén foi o obxectivo dun dos pasarrúas. Para os máis pequenos e pequenas, o centro histórico acolleu o espectáculo itinerante 'Paseo Xurásico'.

A ausencia das atraccións e postos doutros anos non chegou a evitar que as crianzas gozaran do día. O público infantil protagonizou de novo as actividades celebradas na tarde. O ciclo 'Ven Trebellar nas Peregrinas' estreouse co teatro da compañía 'Baobab Teatro'. Os nenos e nenas viviron a súa particular festa na Alameda coa obra 'Puño puñete'. As cancións, o acordeón, os contos e a animación de Andrea Bayer e Davide Gónzalez sacáronlle máis dun sorriso aos asistentes, incluíndo tamén aos maiores.

'Ven Trebellar nas Peregrinas' prolongouse ata o final da tarde no Parque Amalia Álvarez co contacontos de títeres 'Sabela e o paxaro máxico'. A actuación estivo centrada nun conto popular galego que narra a historia dunha nena habitante nun dos castelos de Galicia. Todos estas actuacións estiveron marcadas por medidas como o control do aforo para a seguridade dos asistentes.

Comentarios