ANXO LORENZO, SECRETARIO XERAL DE CULTURA DA XUNTA DE GALICIA

"Cada vez hai máis compromiso coa cultura galega"

Tras dez anos de traxectoria, Culturgal é unha cita consolidada no panorama cultural galego segundo o secretario xeral de Cultura. AXunta é a principal patrocinadora da feira e. ademais, aproveita os stands para presentar algunhas das actividades e programacións culturais de cara ao vindeiro ano 2019.

Anxo Lorenzo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Anxo Lorenzo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

UN PÚBLICO cada vez máis comprometido, que adica cartos a consumir cultura galega e un espazo no que conflúen empresas, institucións e entidades sen ánimo de lucro. Esta fusión é, para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o valor de Culturgal, unha cita que define como referente na cultura galega despois de once edicións. Ademais das sinerxias que se crean entre empresas na feira, Lorenzo destaca a cantidade de público que pasa polo recinto feiral (unhas 15.000 persoas) e a súa participación nas industrias culturais do país.

Culturgal superou xa esa cifra redonda que son os dez anos na pasada edición. Como valora a evolución deste encontro?
Culturgal é unha cita consolidada xa dentro das citas culturais do ano en Galicia. Son once anos de traballo e, despois deste tempo, é xa un encontro asentado entre o público e as empresas que se adican á cultura. Pero non só é unha feira profesional, senón que, ademais, é un punto de encontro para as Administracións de servizos públicos ou as entidades culturais sen ánimo de lucro, que tamén amosan as súas iniciativas arredor das novas producións ou servizos de cara ao ano que vén. Sen dúbida, Culturgal hoxe é unha cita imprescindible.

Que amosa na feira a Xunta? Fará algún anuncio sobre a súa programación do ano que vén?
Nós apostamos pola feira, tanto a nivel de patrocinio, sendo os principais patrocinadores, como ocupando o espazo como outro participante máis. No Culturgal amosamos un conxunto de actividades e formatos que nos parece necesario salientar na feira. Non hai oco para amosar todo o que nos gustaría nin todo o que facemos relacionado coa cultura na Xunta, temos que facer unha selección de aproximadamente 20 actividades. Eu destacaría a presentación da convocatoria aberta de proxectos para o Xacobeo, que chamamos ‘O teu Xacobeo’ e está pensada para que a cidadanía e as empresas acheguen as súas propias propostas. Presentámola o director de Agadic, a comisaria de Xacobeo 2021 e máis eu. Antes de que esta convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG), as persoas interesadas poderán ter un adianto no Culturgal. Por destacar outra cuestión diferente, a Cidade da Cultura está tamén en Culturgal presentando unha nova edición do festival Escenas do Cambio, un encontro de artes escénicas, que adoitan ter pouca presenza nas programacións culturais de Galicia. Nós adicámoslle un festival enteiro no mes de febreiro, que é un momento no que os programas dos festivais aínda non están en marcha.

Pero a Xunta fará algún anuncio sorpresa da súa programación como, por exemplo, algún concerto para 2019?
Na Xunta apostamos por que en Culturgal teña presenza o Xacobeo e tamén a Cidade da Cultura. Neste sentido, o proxecto ‘O teu Xacobeo’ ten un orzamento de dous millóns de euros. Ese xa é un anuncio importante. Adoita falarse das sinerxias que se crean neste encontro. Hai algún exemplo de proxectos que xurdiran en anteriores edicións? É certo que unha feira como Culturgal suscita este tipo de posibilidades, acordos de colaboración ou a interrelación entre as empresas, aínda que ese tema coñéceno mellor os membros da organización do festival. De todas formas, eu tamén destacaría o contacto co público. Esta feira é especial porque está enfocada cara a esas 15.000 persoas que pasan polo recinto feiral de Pontevedra ao longo desta fin de semana. Son consumidores de cultura galega, interesados polas novidades, cun coñecemento de primeira man do que se está facendo na cultura galega. Son persoas interesadas polo novo libro que se vai editar, a última novidade musical ou por coñecer de primeira man as novidades nas artes escénicas ou a programación dun determinado festival. É público que consume cultura e é moi importante o amplo perfil que ten Culturgal, non só a súa dimensión máis especializada dirixida a profesionais. A cultura galega está a xerar moitas novidades cada ano e o seu público merece un espazo como Culturgal para poñerse ao día das mesmas.

O galego é un público comprometido capaz de soster as súas industrias culturais?
Cada vez hai máis compromiso da cidadanía coa cultura galega, e tamén hai participación. Pasamos unha época moi complicada cunha crise económica que impactou en todos, tamén na capacidade de compra das familias. Ese momento estamos deixándoo atrás pouco a pouco. Neste sentido, estamos mellorando e cada vez as familias teñen máis capacidade de investimento. Temos que ter en conta que debemos traballar para que as nosas propostas cheguen ás persoas, para ser capaces de transmitir o valor que ten para as empresas galegas comprar un libro editado aquí, asistir a un concerto, ir ao teatro ou ao cine, sobre todo se se trata de cine galego, Temos que animar e incentivar o consumo da nosa cultura. Aínda que penso que as familias xa son conscientes e iso nótase porque a medida que van tendo máis recursos, dedican máis cartos a gastalos en cultura.

"Non se está a producir ningún debate sobre o lugar no que se ten que celebrar a feira"

Da programación deste ano, destacaría algo especialmente?
Culturgal ten outra característica que a min me parece moi relevante, que é a innovación. Non é unha feira estática, procura novos espazos e servizos cada ano. Por iso eu destacaría, por unha banda, a consolidación do espazo artístico, onde ademais está o Centro Galego de Arte Contemporánea, que ten un espazo onde amosar a centralidade que ten no ámbito das artes plásticas e a cultura contemporánea. Este espazo está en Culturgal por segundo ano e seguirá estando. Ademais, este ano a organización apostará por un espazo gastronómico. Supoño que nuns anos este será un ámbito consolidado dentro da feira.

Cando se pensa no Culturgal adoita pensarse tamén en Pontevedra, que é onde adoita celebrarse. Imaxina esta feira nalgunha outra cidade galega?
Esta non é unha cuestión que non lle compete á Xunta, senón á Asociación Culturgal e aos outros colectivos que forman parte da organización da feira. Que nós saibamos non se está a producir ningún debate sobre o lugar no que se ten que celebrar a feira. Nós estamos cómodos na cidade de Pontevedra e penso que a asociación tamén. Evidentemente, o feito de que esta feira leve tantos anos celebrándose nesta cidade contribúe a fixala ao territorio.

Comentarios