lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

El Cafetín estrea a primeira mampara coa imaxe de #PonteLovers

Paloma Castro, Iván Puentes, Edelmiro e Rubén González e Iago Barbeito, durante a presentación. CONCELLO
Paloma Castro, Iván Puentes, Edelmiro e Rubén González e Iago Barbeito, durante a presentación. CONCELLO
Este elemento de protección foi confeccionado por Pontevedresa Group

El Cafetín xa conta coa primeira mampara de protección confeccionada pola firma Pontevedresa Group –antiga Cristalería Pontevedresa– co logotipo da plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers. Os concelleiros socialistas Iván Puentes e Paloma Castro asistiron este venres ao acto de entrega, que tivo lugar no bistro situado na primeira planta do establecemento hostaleiro, e no que tamén participaron Iago Barbeito, responsable da empresa de vidro, e Rubén e Edelmiro González, propietarios de El Cafetín.

Presentación da mampara de protección de El Cafetín. CONCELLO

Barbeito explicou que este modelo, tipo Prudenza, está especialmente pensado "para protexer aos profesionais da hostalería e aos usuarios nesta nova fase". Segundo indicou, trátase dunha mampara "customizada co anagrama da iniciativa de reactivación da cidade #PonteLovers, onde se pode ver con claridade un código QR vitrificado no vidro que leva directamente ás redes dixitais da plataforma".

"É unha tirada piloto, da cal elaboramos catro mamparas, e que abre a posibilidade de adaptación, nun futuro, a cartas de menús e a diversos tipos de aplicacións dixitais nos ámbitos da hostalería e o comercio local. Estamos customizando os logotipos e a identidade corporativa de diferentes clientes, incluíndo QR que, no noso modelo estándar, nos levan ás instrucións de montaxe da mampara. Estamos a distribuílas entre administracións públicas, todo tipo de comercios, establecementos hostaleiros, librarías...", apuntou Barbeito.

Rubén González amosouse moi satisfeito "cun recurso de protección á vez atractivo e estético", ata o punto de que xa lle propuxo ao responsable de Pontevedresa Group "a posibilidade de facer uns modelos pequenos para as mesas, con códigos QR, de xeito que se poidan empregar coas cartas dixitais". Tal e como asegurou González, nesta nova situación"é necesario realizar este tipo de modificacións e pelexar para adaptarnos aos clientes e facer que se sintan seguros, xa que precisamos que volvan, que consuman e que aposten polo comercio local e pola nosa cidade". "Os pontevedreses queren recuperar a normalidade o máis axiña posible e nós tentaremos respostar coa máxima profesionalidade e respecto", subliñou.

SOLIDARIEDADE E COLABORACIÓN. Pola súa banda, o concelleiro Iván Puentes agradeceu a Pontevedresa Group e El Cafetín a súa decisión de "participar de iniciativas como esta, que en momentos de dificultade como o actual permiten reinventarnos e acadar novas oportunidades para o ben de todos". O edil do PSOE afirmou que compañías como a firma de vidro, "que na normalidade anterior xa eran líderes económicos e en innovación e referentes do tecido empresarial pontevedrés, amosan unha vez máis que, quen é grande antes, o é tamén nas dificultades, facendo aflorar proxectos nunha cidade que sempre foi un exemplo de solidariedade e de colaboración".

Puentes fixo fincapé en que "a ninguén se lle escapa que a hostalería foi un dos sectores que peor o pasou e o está pasando nesta crise sanitaria, xa que tivo que botar o peche dende un primeiro momento, e dos que, froito dos hábitos que temos os seus clientes, están retomando a normalidade máis paseniñamente tamén". "Esta colaboración e punto de encontro entre empresas, que ten que brindar o Concello de Pontevedra a través de iniciativas como #PonteLovers, resulta moi importante, ao frutificar en ideas tan fantásticas como esta. Trátase de poñer en contacto a quen quere prestar á cidade todo o seu coñecemento, bagaxe e solidariedade con quen necesita desa axuda", sinalou.

O concelleiro socialista fixo un chamamento "para que toda a cidadanía pontevedresa se lembre de que hai un sector, que é o da hostalería, que precisa da nosa axuda, do noso consumo e da nosa asistencia, respectando por suposto as medidas que estean vixentes en cada momento para garantir a saúde de todos".

El Cafetín estrea a primeira mampara coa imaxe de #PonteLovers
Comentarios
ç