Cambiar o conto para combater o machismo

Alba Domínguez, Sabela Vázquez, Aroa Vicente, Nerea Silva e Lía Fernández recibiron os premios do primeiro concurso organizado pola Deputación para denunciar o carácter machista de estrofas ou versos de cancións populares
(_P2A9330.JPG) DEPUTACION Carmela Silva fai entrega de premios do concurso Cambiemos o conto Iran varias escolares e premiadas12989
photo_camera As gañadoras do certame posaron coa presidenta da Deputación e coas encargadas de entregar os premios. DAVID FREIRE

Non hai máis que sintonizar unha emisora musical calquera e escoitar con atención. Máis cedo que tarde darémonos conta de que moitas cancións trasladan unha mensaxe machista coas súas letras, por non falar dos seus videoclips. 

Fomentar que a mocidade faga unha reflexión crítica sobre esta realidade e trate de mudala foi o obxectivo de Cambiemos o Conto, o concurso organizado pola Deputación no marco das accións do Manifesto de Soutomaior. A tarefa consistía en escoller unha estrofa ou verso dun tema musical cun marcado carácter machista e, a partir de aí, escribir un conto de denuncia, contrastando a situación con como se debería construír o mundo e as relacións desde o feminismo. 

Este martes tivo lugar a entrega de premios da primera edición do certame, un acto que abarrotou o salón de plenos do Pazo Provincial, coa presencia de 125 alumnas e alumnos dos IES de Vilalonga (Sanxenxo), de Vigo e de Barro onde estudan as gañadoras, e que incluíu tamén as actuacións da monologuista Carmen Conde e da cantante Silvia Chigliak, que interpretou unha versión mudando a letra do tema Mala mía de Maluma, acompañada á guitarra por Iván Reija. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse "profundamente emocionada" pola calidade e o compromiso da mocidade e celebrou "o talento, neste caso destas cinco mulleres que amais de pensar moito e ben, escriben dunha forma tan fermosa, construíndo relatos a partir das letras que cada día escoitamos e cantamos e que están aí sen que nin sequera sexamos conscientes do pensamento e valores machistas que trasladan".  A presidenta agradeceu ao alumnado e ao profesorado presente o feito de que "a loita pola igualdade estea máis viva que nunca en vós e nos vosos institutos". "É imprescindible que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores", dixo, agradecendo aos e ás docentes "ese traballo, a veces silencioso e silenciado, que é imprescindible e que ten inmenso valor para o ben común".

Na modalidade de ESO, a gañadora do primeiro premio foi Alba Domínguez Soutullo (do IES Vilalonga de Sanxenxo), o segundo premio foi para Sabela Vázquez (do IES do Castro de Vigo) e o terceiro para Aroa Vicente López (do IES de Barro). 

Na modalidade de Bacharelato e FP, recibiu o primeiro premio Nerea Silva Rodríguez (do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo) e o segundo logrouno Lía Fernández Vicente (do mesmo centro). 

Alba Domínguez e Nerea Silva levaron como galardón un ordenador portátil, ademais dunha actuación musical ou un encontro cunha escritora galega para seus respectivos centros educativos. Sabela Vázquez e Lía Fernández recibiron unha tablet e un encontro cunha escritora galega para compartir coas súas compañeiras e compañeiros de instituto. Pola súa banda, Aroa Vicente levou un agasallo didáctico e o obradoiro ‘Mudando Letras’ para o seu instituto. Amais, todo o alumnado presente onte tivo como agasallo unha das mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy.

Comentarios