"O cambio climático xa está aquí, non só na selva do Amazonas ou en Australia"

O investigador Antón Álvarez impartirá charlas nos IES da cidade sobre o cambio climático mariño dentro da campaña de concienciación Efecto PO2
Vista aérea de la ría de Pontevedra, coa illa de Tambo en primer termo. ADP
photo_camera Vista aérea de la ría de Pontevedra, coa illa de Tambo en primer termo. ADP

A campaña Efecto PO2, no seu cometido de concienciación e sensibilización sobre os efectos do cambio climático, programa unha serie de charlas sobre o impacto do cambio climático no mar de Galicia. O encargado destas sesións será o investigador do CSIC, Xosé Antón Álvarez Salgado, quen este martes compareceu coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, para presentar o ciclo de conferencias, dirixidas ao alumnado dos institutos públicos da cidade.

As charlas terán lugar este mércores e o xoves (as primeiras serán nos IES A Xunqueira I e II) e a vindeira semana, do 30 de setembro ao 4 de outubro.

"Para nós é moi necesario reinvindicar a vinculación do local cos problemas ecolóxicos globais e queremos analizar desde un punto de vista galego que é o que acontece con esta emerxencia climática", asegurou Anabel Gulías durante a presentación.

A edil asegurou que é vital coñecer estas causas dunha situación da cal estamos vivindo xa os efectos, así como "reivindicar a canteira científica e académica que temos neste país para poder seguir concienciando, mobilizando e sensibilizando".

MOBILIZACIÓN. "A forma de sensibilizar á población de Galicia e Pontevedra é poñer exemplos de que o cambio climático está aquí, non só na selva do Amazonas, na península de Florida ou en Australia", subliñou Álvarez Salgado.

"Esa pegada a escala global está aquí e, dado que eu son científico mariño, míroa no mar iso é un pouco o que tentarei transmitir nas charlas, para que os rapaces sexan conscientes de que os riscos e as ameazas tamén lles afectan a eles. Non só ocorre noutras partes do planeta".

A campaña PO2, lembrou Gulías, está centrada na concienciación e na reivindicación "da necesaria actuación política e social con respecto ao estado de emerxencia climática que atravesamos".

Neste programa están implicadas outras entidades, como a Federación de Veciños e Veciñas Castelao, a Federación Provincial de ANPA (Fanpa) ou a Rede de Escolas Asociadas Unesco.

Así, Gulías lembrou que este venres 27 terán lugar as mobilizacións colectivas centradas na mocidade e na reivindicación de que "está nas nosas mans facer colectivamente todo o posible para chamar a atención sobre un tema que nos inquieta". O resto das actividades incluidas están aínda por definir.

Perfil. Especialista en Oceanografía Química e investigador do CSIC

Xosé Antón Álvarez Salgado. ADPXosé Antón Álvarez Salgado é Doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a súa especialidade é a Oceanografía Química. Desde 1999 forma parte do plantel do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), en Vigo, onde exerce como profesor de investigación.

O seu traballo céntrase no estudo dos ciclos do carbono e os sales nutrintes en augas costeiras, de plataforma e oceánicas, con especial énfase no sistema de afloramento de Galicia, tanto desde o punto de vista da explotación dos recursos vivos como do cambio global. Ademais é autor de máis de 150 artigos científicos. Así mesmo, este curso tamén imparte as materias Cambio Global e Ecosistemas Mariños e Reactividade Química no Océano no máster de Oceanografía da UVigo.