Camela será o encargado de liderar o último gran día das Festas da Peregrina

O concerto do grupo Laroá na Praza da Ferrería será outro dos grandes protagonistas ► A tirada de fogos artificiais, á medianoite, pechará estas dez xornadas de diversión
Camela. DP
photo_camera Camela. DP

A falta dun luns que actuará como epílogo dunhas Festas da Peregrina que por fin recuperaron a normalidade prepandémica, o día de hoxe terá nas súas costas o difícil papel de exercer como guinda do pastel de dez xornadas de concertos, espectáculos, atraccións e, sobre todo, moita ledicia.

Para iso, a organización reservouse un dos seus pratos fortes para esta noite: ás 22.30 horas, en Praza de España, o recoñecido dúo Camela tomará os mandos da festa para facer vibrar a todo o público presente. Unha actuación, esperada polos seus contemporáneos mais tamén por moitas outras xeracións que non puideron escapar aos grandes éxitos do grupo, que promete ter na diversión ao seu máis grande baluarte.

O concerto de Camela non será, sen embargo, o único do día de hoxe: ás 21.00 horas, nunha Ferrería que encara a súa última xornada de Peregrinas, o grupo pontevedrés "Laroá" encherá de música folk unha praza que, aínda con nomes menos mediáticos que a de España, non se pode queixar da calidade das agrupacións que acolleu este ano.

Os pasarrúas, como cada día destas festas, porán a nota de cor a unha cidade que sempre os recibiu cos brazos abertos

Non obstante, a música na cidade do Lérez non só se reduce aos concertos. Ou, mellor dito, non só se reduce aos concertos estáticos. As funcións musicais itinerantes, os pasarrúas, estiveron presentes ao longo de toda a Peregrina e non ían a ser menos no seu último gran día. Ás 12.00, Duos Pontes e Fervellos do Pío (barrio da Parda) serán os primeiros en botarse ás rúas. E, tan só quince minutos despois, chegará o turno da charanga Charandonga. Unha agrupación que repetirá función ás seis da tarde, igual que uns Fervellos do Pío que terán a súa segunda sesión ás 18.30. Para rematar, as charangas OT no Burgo e Mil9 en Gorgullón recollerán a difícil misión de pechar as actuacións duns pasarrúas que, para non variar, volveron a ser recibidios cos brazos abertos en Pontevedra. Porque con música, ao final, o paseo sempre senta mellor.

A función 'Ghop!', na Praza da Curtidoría. B. CÍSCAR
A función 'Ghop!', na Praza da Curtidoría. B. CÍSCAR

Por último, entre as pontes do Burgo e Santiago, a cargo de Xaraiva, terán lugar os tradicionais fogos artificiais que fai unha semana e media serviron de introdución e que, hoxe, actuarán como desenlace dunhas Peregrinas 2022 que sempre serán recordadas pola súa volta á normalidade.

Un sábado cheo de vida
Máis aló do concerto de Ilegales na Praza de España, o día de onte tamén trouxo consigo outros dous grandes eventos.
Concierto de los Black Stones.B. CÍSCAR
Concierto de los Black Stones.B. CÍSCAR

Por orde cronolóxica, ás 19.30 tivo lugar na Praza da Curtidoira a función Ghop! a cargo de Teatro ó Cubo, onde cativos -e non tan cativosgozaron dun espectáculo que xuntou maxia, acrobacias ou malabares.

Ás 21.00, a súa vez, a Ferrería acolleu o concerto de Black Stones, coas súas destacadas e recoñecidas versións dos grandes éxitos dos 70.

 

Programa para este domingo
12.00 * Pasarrúas de Duos Pontes. 
18.00 * Pasarrúas da charanga Charandonga.
18.30 * Pasarrúas de Fervellos do Pío.
19.00 * Actuación de charanga Mil9 no barrio do Gorgullón.
19.00 * Pasarrúas de charanga OT no Burgo.
21.00 * Concerto Laroá. Praza da Ferrería.
22.30 * Concerto Camela. Praza de España.
22.45 * Verbena coas orquestras Nocturnos e Ámbar en Montero Ríos.
00.00 * Fogos de artificio entre as pontes do Burgo e Santiago a cargo de Xaraiva.

Comentarios