A Camelia de Ouro volve ir a Fene

Foto de familia dos premiados coas autoridades trala entrega dos galardóns na mañá do domingo. DEPUTACIÓN
photo_camera Foto de familia dos premiados coas autoridades trala entrega dos galardóns na mañá do domingo. DEPUTACIÓN

Eusebio López Redondo (Fene), foi o gañador da Camelia de Ouro, o premio principal do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia de Pontevedra por presentar o mellor conxunto, número e calidade das flores da mostra. Pola súa banda, José Carlos Montes (Tui) mereceu o Premio Antonio Odriozola, por unha camelia japónica da especie Lady Vansittart, a flor individual máis destacada.

Segundo explicou López Redondo, a súa colección é unha variedade "moi boa" de especies puras de China e de Vietnam, con flores amarelas que chamaron moito a atención da xente. "Hai distintas especies e híbridos das mesmas de cor mantequilla. Era un variado bo, con olorosas, reticulatas de flor moi grande, williamsii, japónicas, un pouco de todo, incluso camelias figo do Xapón, para que as vexa a xente", dixo.

O cultivador, un entusiasta das camelias que leva plantando flor dende os sete anos (máis de 35), participa nos concursos dende 2003 e xa gañara a Camelia de Ouro noutras tres ocasións. "Eu non miro as veces. Eu miro de colocar unha mesa bonita e de poñer o nome a todas as plantas, para que a xente as aprenda e se busca algunha en concreto a atope".

A entrega de premios foi presidida pola titular da Deputación, Carmela Silva, e a deputada da Areeiro, Eva Vilaverde. Silva rematou a súa intervención agradecendo o evento de exaltación da camelia "que permite que a nosa provincia sexa unha referencia".

Aos dous galardóns mencionados hai que engadir o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia, que foi para Adela Abilleira (Xeve), e o Premio á Mellor Presentación Artística, o primeiro para Teresa Fernández (Lugo) e o segundo para Antonio Montes (Tui). Os mellores lotes foron, na categoría de Camellia Reticulata, o primeiro para Carmen Moldes e Juan Castro (Vilanova), o segundo para Pilar Bargiela ( Porriño), e o terceiro para Abelardo Barcala (Rubiáns); en Híbridos de Camelia o primeiro para Pilar Bargiela, o segundo para Clara Abalo (Rois) e o terceiro para Rosa Crespo e Jaime Escofet (Valga); en Camellia Japonica Branca gañaron Abelardo Barcala (Rubiáns) e Edmundo Novoa (Lugo); en Camellia Japonica Vermella venceron Cuca Rozas (Rianxo) e Olga Castelo (Vilanova); os de Camellia Japonica Rosada foron para Carmen Costas (Vigo) e Elena Valcárcel (Salceda); en Camellia Japonica xaspeada ou variegata, o primeiro para Carmen Corral e o segundo para Elena Valcárcel (Salceda); noutras especies o primeiro premio foi para José Monteagudo (Cuntis), o segundo para José Freire (Padrón), e o terceiro para Manuela Couso (Cuntis).

Comentarios