miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Camisolas pensadas para 'Galician lovers'

Jordi López nunha tenda de Pontevedra na que se venden as súas camisolas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Jordi López nunha tenda de Pontevedra na que se venden as súas camisolas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Expresións como ‘chegar e encher’, ‘son un toxo’ ou ‘morriña’ protagonizan as prendas elaboradas polo catalán residente na Boa Vila Jordi López, que mestura moda e filoloxía

Aí falaches. Con esta expresión bautizou Jordi López a súa empresa de camisolas, suadoiros e tazas nas que o léxico do galego é o protagonista. "Coñecía outras iniciativas semellantes, pero todas estaban moi vinculadas co humor, co mundo rural e coa ilustración, eu quería, simplemente, falar do galego como lingua", explica o emprendedor.

"Gústanme as palabras agarimo, amorodo e cabaliño do demo"

Nas súas creacións, destaca expresións propias do galego acompañadas pola súa tradución en castelán, inglés, francés, portugués. "A idea é que tanto galegos que viven fóra, emigrados, como xente que ten unha relación estreita con Galicia porque, por exemplo, leva tempo pasando aquí o verán, poida presumir de léxico. No festival de Ortigueira, por exemplo, vendín un montón de camisolas coa palabra morriña a persoas inglesas e irlandesas que por fin podían entender que ese sentimento tiña tradución e era o que eles chamaban homesick", conta López, que engade que traduciu as expresión aos idiomas de países nos que a pegada galega é maior debido á emigración. "Son camisolas para Galician lovers, por dicilo dalgún xeito", conta.

Entre as expresións que están dispoñibles nos seus produtos están chegar e encher, son un toxo e palabras como morriña ou amodiño. Para realizar as traducións, colabora con filólogos e tradutores de doferentes linguas. Os produtos de Jordi López viaxan habitualmente por toda España a través de pedidos, pero tamén realiza envíos internacionais a Alemaña, Inglaterra ou Andorra.

Ten pendente aínda sacar outros modelos de camisolas. De feito, na súa páxina web (aifalaches.gal) fixo votacións para que o público amosase as súas preferencias. E logo é unha das peticións máis aclamadas, polo que pronto terá camiseta e suadoiro propio.

"Ao principio teño que coller expresións con máis saída para establecer o contacto coa xente, o que non significa que sexan as expresións que máis me gustan a min. Eu sempre estiven interesado polo léxico e a toponimia, é unha cuestión que me apasiona. Se teño que dicir tres palabras que me gustan do galego serían agarimo, amorodo e cabaliño do demo, esa faime moita graza", termina.

Camisolas pensadas para 'Galician lovers'
Comentarios