A campaña Efecto PO2 enche a cidade de lemas polos espazos públicos saudables

A iniciativa pretende concienciar sobre a necesidade de reucir a pegada do dióxido de carbono
2020060714182693872
photo_camera Traballadores colocando un dos lemas na noite do venres. DP

A cidade espertou este sábado co primeiro reto da campaña Efecto PO2, que puxo en marcha a Concellaría de Promoción da Cidade que dirixe Anabel Gulías. Trátase dunha acción de rúa en distintos espazos do centro e dos barrios da cidade baixo o lema -CO2 +PO2 Pontevedra espazo público san e seguro, que pretende demostrar que canto máis movemento peonil, canto máis PO2, máis se contribúe a borrar a pegada do dióxido de carbono CO2.

A acción de rúa realizouse na tarde noite do venres en doce puntos distintos da cidade, con moita afluencia de persoas durante todo o día por ser lugares de paso ou de encontro. Así, foron colocados lemas nas rúas da Serra, o Gorgullón, a Avenida de Lugo, a Praza do Burgo ou o barrio de Monte Porreiro.

A acción demostrará co paso do tempo e co uso da propia enerxía das persoas que a pegada de CO2 irase eliminando, e quedará só o Efecto PO2, un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo.

Esta é a primeira das propostas da Concellaría de Promoción da Cidade para divulgar o Efecto PO2 entre os veciños e veciñas de Pontevedra, a través dunha campaña de márketing e de comunicación moi intensa que se prolongará ao longo de todo o ano tanto no Concello como no exterior.

Esta primeira acción complementarase con outras anunciadas este sábado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira Anabel Gulías como a creación de microvídeos que demostren que o espazo público é a prolongación das casas e espazos de traballo dos pontevedreses e pontevedresas; faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros; unha campaña de cartelería específica para explicar na cidade que é o Efecto PO2 que xa se empezou a instalar onte mesmo en sedes administrativas, establecementos… E un programa máis extenso que se irá desvelando nas vindeiras semanas para poñer en marcha ao longo do verán.

Desde antes de que a emerxencia climática e a pandemia chamasen á porta, Pontevedra xa traballaba arredor de conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, a redución de emisións, peonalización e calmado do tráfico, a importancia de moverse coa propia enerxía, a redución e a compostaxe dos residuos ou a xestión ecolóxica e racional da auga, unha política que coloca á Boa Vila á vangarda das cidades europeas.

Comentarios