domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

O Campionato de España de Triatlón terá un férreo control en todo o seu circuíto

2020082018135794007
En verde o circuíto de natación, en amarelo o de ciclismo e en vermello o destinado á carreira a pé. CEDIDA
O operativo de seguridade non permitirá accesos ás zonas onde se efectúan as chegadas, as saídas e as transicións das probas

Como non podía ser doutra maneira nun contexto que segue a estar fortemente condicionado pola pandemia, o Campionato de España de Triatlón, que se celebrará esta fin de semana en Pontevedra, terá que adaptar as súas medidas e protocolos de seguridade á covid-19 para poder celebrarse sen ningunha consecuencia negativa. Así o manifestaron, na rolda de prensa realizada o día de onte no Concello, tanto a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, como o responsable de Mobilidade e xefe en funcións da Policía Local, Jesús Cal.

Entre as principales novidades deste dispositivo destaca a limitación ao máximo posible da presenza do público, establecendo un circuito pechado e ofrecendo a posibilidade de seguir o desenvolvemento do evento a través de Internet, grazas a un "streaming" habilitado pola Federación Española de Triatlón (Fetri). A sede pechada establecerase permanentemente entre a rotonda da Ponte dos Tirantes e parte da avenida Bos Aires (dirección Monte Porreiro), a onde só se poderá acceder baixo acreditación. Durante a realización das probas, a sede pechada ampliarase a toda a contorna da rotonda e á totalidade da ponte dos Tirantes, polo que o público non poderá acceder aos lugares nos que se realizan as saídas, chegadas e transicións.

APARCADOIROS. No dispositivo de seguridade e mobilidade inclúense diversos aspectos. O primeiro deles versa sobre o plan de estacionamento, onde na área na que se dará a proba xa se realizou un buzoneo informando de cando se deben retirar os coches da rúa: a partires das 15h de hoxe na avenida de Bos Aires, das 5h do venres na contorna da feira e da rúa Rafael Areses e das 22h do propio venres da contorna do recinto Feiral e Pazo da Cultura, do campus universitario e dun tramo da avenida de Compostela.

No tocante á mobilidade xeral, permitirase o acceso a residentes e vehículos autorizados a través de varios puntos sinalizados e controlados pola Policía Local. Na zona do mercado municipal e do centro histórico permitirase a circulación sen restricións, mentres que a ponte de Santiago só terá habilitado un carril e será en dirección á saída da cidade. A rúa Luis Otero cambiará de sentido para facilitar a saída cara a avenida da Coruña ou cara Médico Ballina, a entrada e saída a Monte Porreiro poderá facerse pola Ponte das Palabras ou pola rúa da Paloma e non se permitirá o acceso de camións de alta tonelaxe desde a Ponte das Correntes cara a zona dos circuítos.

Por outra parte, a partir das 15h deste xoves e ata as 20h do domingo, pecharase a zona da sede permanente. A pechada con carácter dinámico ampliarase a toda a contorna da rotonda e á totalidade da Ponte dos Tirantes e pecharase entre as 8h e as 20h do sábado e entre as 8h e as 15h do domingo. Terá unha única porta de acceso, esixirase acreditación física e realizarase control facial de temperatura, uso de máscara e lavado de mans con hidroxel a todas as persoas á entrada.

No río, para dar soporte ás probas de natación, haberá unha embarcación de Protección Civil, unha moto acuática de Bombeiros e catro piragüistas e tres socorristas por parte da organización.

O servizo de augas realizará un control previo da calidade da auga e terá un servizo permanente durante a celebración da proba. O de limpeza, pola súa banda, manterá un control estrito e permanente de todo o circuíto, antes e durante a realización das probas. Establecerase, tamén, un hospital de campaña dentro da sede permanente, que será complementado con tres ambulancias e dous médicos en moto.

Cabe destacar, ademais, a existencia de 12 crossing points na área dos circuítos das tres probas, con controladores para que os peóns poidan cruzar con seguridade e sen interromper as probas.

Os efectivos dos que se axudará o dispositivo para asegurar o seu mellor funcionamento constarán de 22 controladores, tres xefes de sector e un coordinador no control do circuíto, 20 controladores durante as probas na sede pechada, 19 controladores nos 12 crossing points, cinco policías locais con apoio de seis moto-volta, oito efectivos de apoio da Policía Local por quenda e, a maiores, efectivos da Policía Nacional para o control da seguridade.

O Campionato de España de Triatlón terá un férreo control en todo o...
Comentarios
ç