Once novos graduados e graduadas sénior recibiron este venres na Escola de Enxeñaría Forestal as súas bandas e diplomas, así como as verbas de recoñecemento do vicerreitor de campus, Jorge Soto; da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Espazos Naturais, Iván Puentes, e do coordinador do PUM no campus, Iván Martínez.
Non en van, nestas últimas semanas do curso, tamén é tempo de recoñecer o esforzo e implicación do alumnado que completaou os ciclos integrado e intensivo do Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus de Pontevedra.
A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña exerceu como madriña académica dos dez integrantes da XV promoción de graduados sénior e do único alumno que completou neste curso o ciclo integrado do programa.
"O PUM é unha oportunidade ideal para todas aquelas persoas que, unha vez finalizada a súa vida laboral, atópanse con dispoñibilidade de tempo para seguir aprendendo"
Roberto Fernández interveu en representación desta nova promoción nun acto que contou tamén coa participación do presidente da Asociación Alumnos e Ex-alumnos Séniors UVigo-Campus Pontevedra (Asaexs), Miguel Ángel Yebra, e coa actuación do Coro do Campus, que dirixe o profesor Marco Lucato e que ten precisamente entre as súas integrantes a unha das novas graduadas sénior.
"O PUM é unha oportunidade ideal para todas aquelas persoas que, unha vez finalizada a súa vida laboral, atópanse con dispoñibilidade de tempo para seguir aprendendo, nunha contorna que facilita a socialización e o apoio mutuo", sinalou Martínez, quen destacou ao alumnado sénior como un "obxectivo estratéxico da Universidade" nuns tempos nos que "se invertiu a pirámide de poboación". O coordinador do PUM no campus felicitou aos novos graduados e graduadas sénior "polo seu interese en seguir sendo activos, aprendendo e enfrontándose a novos retos", á vez que puxo en valor a importancia dun programa, "que axuda a incrementar a rendibilidade social da institución".
GAUDEAMUS. Por outra banda, nas últimas semanas distribuíuse no campus a sexta entrega de 'Gaudeamus. A voz sénior do campus de Pontevedra', a revista dixital que realiza un grupo de participantes no PUM desde 2016 e que por primeira vez viu a luz en formato físico. "Pretendía que a revista fose a voz dos denominados estudantes sénior do campus de Pontevedra", salienta o seu impulsor, Miguel Ángel Yebra, dunha publicación "humilde" que reúne as achegas do alumnado á vez que dá conta da propia actividade do colectivo sénior do campus.
Yebra é, desde hai un mes, o novo presidente de Asaexs, en substitución de José María Fernández. A directiva, que seguirá a senda da anterior, complétase con Gloria Pérez, Concepción Mumary, José Luis Fernández, Concha García e José Manuel Naveiro.