O campus oferta dez obradoiros para cidadáns e estudantes con 200 prazas

Edición anterior do curso de escalada. DUVI
photo_camera Edición anterior do curso de escalada. DUVI

A Universidade de Vigo vén de abrir o prazo de inscrición dos cursos de Extensión Universitaria programados para o segundo cuatrimestre. En total serán dez os obradoiros que se impartirán con 200 prazas dirixidas tanto a estudantes da Universidade como cidadáns en xeral.

A relación entre videoxogos e literatura, lingua de signos, escalada, preparación de exposicións en público, creación de páxinas web, programación de microcontroladores, impresión en 3D, o uso do coaching na docencia, as técnicas reprográficas e os procesos creativos baseados no corpo e no movemento centran estas actividades promovidas pola Vicerreitoría do campus e que se desenvolverán entre febreiro e xuño.

Tal e como destaca o vicerreitor Jorge Soto, este programa de obradoiros busca complementar a formación do alumnado do campus, pero tamén ofrece un achegamento a "temáticas moi actuais" á cidadanía. Cun abano de prezos que vai dos 15 ós 73 euros e un desconto do 35% para os e as integrantes da comunidade universitaria, a preinscrición nestes dez obradoiros pode realizarse xa na plataforma Culturxest.

Entre os dez obradoiros que se desenvolverán no segundo cuadrimestre, oito prográmanse no campus por primeira vez. É o caso de Creación de páxinas web e posicionamento con WordPress, que sterá lugar na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría a partir do 6 de febreiro, data na que tamén está previsto inicio, na EE Forestal, do curso Desenvolvemento de proxectos de IOT e fundamentos de programación.

Entre o 11 e o 15 de febreiro, Belas Artes acollerá o taller de Iniciación teórico-práctico nos procesos reprográficos Erro é ben. Ademais, o 11 de febreiro dará inicio, en CCSS e da Comunicación, Videoxogos e literatura. Dous medios un mundo. O curso O coaching na aula: mellora das túas habilidades docentes desenvolverase nesta facultade entre o 4 e o 25 de marzo. Tamén en marzo, dará inicio nesta facultade o obradoiro Comunicación e linguaxe. Xa a partir do 27 de marzo, desenvolverase en Belas Artes o taller Corpo, espazo e movemento na práctica artística. Ao mes seguinte, sumarase a esta oferta formativa Comunícate coas mans II, obradoiro que dá continuidade ao curso de iniciación na lingua de signos que se desenvolveu neste cuadrimestre.

Consolidados: Impresión en 3D e escalada
O programa de obradoiros de Extensión Universitaria que acolle este cuatrimestre o campus complétase coas novas edicións de dous talleres xa presentes na oferta dos últimos anos. Así, entre o 5 de febreiro e o 9 de abril, a Casa das Campás acollerá un novo curso de ‘Iniciación á impresión’, no que se abordará tanto a montaxe dunha impresora como o deseño de modelos tridimensionais e os diferentes materiais que se poden empregar. Entre o 5 de abril e o 10 de maio, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá de novo Iniciación á escalada en rocódromo, un curso impartido polo guía nacional de escalada e responsable de tecnificación da Federación Galega de Montañismo José Juan Domínguez.