O campus de Pontevedra ten a primeira estación de reparación de bicicletas da cidade

Impulsar este medio de transporte é un dos principais obxectivos do Green Campus
Presentación da estación de arranxo de bicicletas no campus. DUVI
photo_camera Presentación da estación de arranxo de bicicletas no campus. DUVI

Impulsar o uso da bicicleta no Campus de Pontevedra segue a ser un dos obxectivos do Green Campus. Por este motivo, a Vicerreitoría da UVigo vén de instalar unha estación de reparación de bicicletas no acceso á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Consta dunha serie de ferramentas que permiten realizar diferentes axustes e arranxos nestes vehículos de dúas rodas. "A idea é apoiar o uso da bicicleta como un medio de transporte sostible e non contaminante e, ao mesmo tempo, promover a práctica de actividade física", manifestou onte o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

A instalación deste equipamento é única na cidade e engádese a outros como o parque de calistenia emprazado a carón de Fisioterapia.

Esta estación, segundo o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, permite tanto axustar a presión das rodas como realizar diferentes reparacións, "desde axustar a cadea e o asento, ata montar ou desmontar rodas", dixo.

Comentarios