O campus ten 123 'embaixadores' espallados polo mundo este curso

Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte son as facultades que máis alumnado envían ao estranxeiro
Carla Rodríguez, alumna do Grao en Comunicación Audiovisual, realiza este curso na Lumsa de Roma. DUVI
photo_camera Carla Rodríguez, alumna do Grao en Comunicación Audiovisual, realiza este curso na Lumsa Roma. DUVI

O que impulsou á pontevedresa Saray Freijeiro Arca a marchar a Bruxelas para realizar parte dos seus estudos universitarios na Haute École Bruxelles-Brabant foi o idioma. "O francés", di, "e tamén porque é un lugar próximo a moitos outros lugares de interese para min", explica a estudante de Educación Infantil do campus de Pontevedra.

Carla Rodríguez, alumna de terceiro curso do Grao en Comunicación Audiovisual, elixiu Italia, concretamente a Lumsa Roma, "porque sempre me deu moita curiosidade este país e quería que fose o primeiro que visito na miña vida. Sobre todo, elixino pensando en todo o que me inspira e agora que estou aquí sei que non me equivoquei", asegura.

Elas son dúas das 123 alumnas e alumnos do campus de Pontevedra espallados este curso polo mundo para estudar todo o ano ou algún cuadrimestre nun país estranxeiro.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación exporta 41 estudantes, a mesma cifra que a de Ciencias da Educación e do Deporte, sendo estes centros os dous que máis alumnado envían a fóra de España de todos os existentes no campus pontevedrés da Universidade de Vigo.

De Belas Artes hai 14 mozos e mozas completando os seus estudos no estranxeiro e de Fisioterapia son sete.

Como sinala Saray Freijeiro, "é unha experiencia que hai que vivir algunha vez na vida. Saes da zona de confort e, acabe gustándoche ou non, polo menos sabes se é algo que está feito para ti e non quedas coa dúbida".

En toda a Universidade de Vigo, este curso son 491 estudantes os que se acolleron a programas de mobilidade, dos cales 295 son mulleres e 196 homes. Así mesmo, 274 estarán fóra durante todo o curso académico, mentres que 163 optaron por facelo o primeiro cuadrimestre e 54 farano o segundo.

A cifra total é algo menor á do ano pasado, pois durante o curso 2021-2022 foran 572 os alumnos desta universidade que cursaron os seus estudos fóra das fronteiras estatais.

Italia, con 139, e Polonia, con 64, son os países que maior número de embaixadores da UVigo acollen este curso, seguidos de Portugal con 56, Alemaña con 28, Francia con 20 e República Checa con 17. Fóra de Europa, 13 estudantes escolleron EE UU, outros cinco México e tres Brasil e Colombia.

En canto á distribución por campus, o vigués é o que máis mozos e mozas envía fóra: son 239, dos cales a maioría, 77, pertencen á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seguida de Filoloxía e Tradución con 40, a Escola de Enxeñaría Industrial con 29 e a Facultade de Comercio con 19.

No caso do campus de Ourense, dos 129 estudantes que se acolleron a programas de mobilidade, a maior parte (62) pertencen á Facultade de Educación e Traballo Social.

Unha experiencia con máis pros que contras

A maioría de alumnos e alumnas que están a gozar dunha estadía académica fóra do país sinalan que a experencia lles reporta máis pros que contras. A distancia cos seres queridos é unha das caras negativas, se ben o balance global é moi "positivo", "pola vida tan completa que experimentas", tal e como sinala Carla Rodríguez.

Tamén Leticia Cagide Rivas tiña claro que era algo que quería facer desde que empezou o seu camiño no mundo universitario, e aínda que República Checa non era a súa primeira opción, a día de hoxe asegura estar "moi agradecida de que me asignaran este destino", e superado "o abafo polo abundante papeleo que debes realizar antes de viaxar, a oportunidade de falar outros idiomas, coñecer xente doutros lugares, novas culturas, son factores cos que máis dificilmente podes pelexar no teu país de orixe", conclúe.

A maioría estudan no estranxeiro a través do programa Erasmus

Mellorar o nivel nunha lingua estranxeira é unha das razóns que empuxaron a moitas e moitos dos alumnos que decidiron cursar este ano nalgunha universidade estranxeira. Esa tamén foi a razón que levou a Estela Durán Pereira, estudante de segundo curso do grao en Tradución e Interpretación Francés-Español, a solicitar unha bolsa para a zona francófona de Canadá.

Na cidade de Moncton, situada no sureste do país, na provincia de Novo Brunswick, Estela asegura que a experiencia está a ser "sen dúbida incrible. Empápaste da cultura do país, viaxas e melloras o idioma dun xeito moi doado. A nivel persoal creo que implica tamén unha maior autonomía e flexibilidade en todos os sentidos", asegura a moza, que non agocha "o carísimo que é vivir aquí, porque o nivel de vida é moi alto".

Estela é, precisamente, unha das 17 alumnas e alumnos da UVigo que este curso se atopan nun país estranxeiro ao abeiro de convenios bilaterais, aos que se suman, ata acadar os 491 totais, os 438 do programa Erasmus+ 103; 17 Eramus Prácticas; 7 Isep; un G4; tres de libre mobilidade e outros oito estudantes que se acolleron a outras modalidades.

Comentarios