Os candidatos priorizan a recuperación do tecido industrial

Os aspirantes ó Parlamento pola provincia Román Rodríguez (PP), Paloma Castro (PSOE), Iria Figueroa (GenC) e Luís Bará (BNG) protagonizaron un debate no Diario no que sinalaron a economía, a demografía e os servizos públicos como os retos da Galicia post-covid
2020070518020766124
photo_camera Un instante do debate no Diario de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Estabilidade fronte a cambio. Renovación fronte a experiencia. Catro candidatos dos partidos maioritarios en Galicia que optan a gobernar a Xunta tralas eleccións do 12 de xullo protagonizaron o debate electoral de Diario de Pontevedra no que se puxeron de manifesto as dúas opcións que polarizan a campaña: unha dereita que defende á xestión dos últimos dez anos apoiada no nome do seu líder, Núñez Feijóo, e a tres grupos de esquerda que aspiran a liderar ou coaligar un goberno que «mude o rumbo de Galicia» con Pontón ou Caballero á fronte.

Román Rodríguez, actual conselleiro de Turismo e número seis da candidatura do Partido Popular pola provincia; Paloma Castro, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra e número tres do PSOE por esta provincia; Iria Figueroa, número dous da candidatura de Galicia en Común-Anova e Mareas por Pontevedra; e, finalmente, Luís Bará, deputado do BNG e cabeza de lista desta formación pola provincia puxeron sobre a mesa asuntos de interese local, como Gran Montecelo ou o futuro de Ence, pero tamén con perspectiva galega, como Alcoa, a xestión da pandemia da covid-19, o reto demográfico ou o turismo e analizaron a situación política actual.

Nun marco condicionado pola crise da covid-19, os candidatos coincidiron en calificar de histórico o momento actual e repasaron os argumentos cos que pretenden conquistar a ese case 30 por cento de indecisos do que falan as enquisas do CIS.

Durante case dúas horas desenvolveuse este encontro nun ambiente tranquilo e correcto no que non faltaron as críticas ó Goberno de Feijóo, representado por Román Rodríguez, co que os candidatos da esquerda confrontaron arredor da sanidade pública e a situación xerada durante a pandemia. Bará afeou ó representante popular «a esmola de 250 euros que Feijóo quixo dar ós sanitarios» e os tres grupos da esquerda subliñaron «o escapismo dun goberno ausente», e coincidiron en que «Feijóo confinouse na TVG durante a pandemia».

Pola súa banda, Rodríguez parapetouse no resultado dunha política de dez anos de «feitos» fronte «á política do eslogan que está baleira», e salientou a «excelente xestión da pandemia» que fixo Galicia, avaliada polas palabras de recoñecemento do propio ministro de sanidade, Salvador Illa e Fernando Simón, destacou Rodríguez.

A preocupación polo tecido industrial galego foi o punto de partida dun debate no que se fixeron constantes referencias á destrución de emprego industrial, representado na crise de Alcoa, e a situación que atravesa o sector naval e os asteleiros do sur da provincia.

Luís Bará lamentou o «declive e a perda de pulso en Galicia en temas como o demográfico, a actividade económica ou no eido industrial». Subliñou que o resultado da política da Xunta é o «deterioro dos servizos públicos». «Para combater esta situación hai que cambiar o rumbo e hai que poñer á fronte do país un goberno que tire do noso potencial», manifestou.

«O futuro de Galiza está vinculado ó sector industrial. Hai que facer unha aposta decidida pola innovación e temos que ter ferramentas estruturais tamén para fortalecer ese tecido produtivo que para nós pasa por ter unha banca pública galega e por ter o control da enerxía que pode ser o factor diferencial tamén para impulsar ese tecido industrial».

Pola súa banda, a candidata do PSOE apoiou a súa primeira intervención no exemplo de xestión provincial liderada por Carmela Silva e o apoio os concellos e estableceu como prioridades un plan que incentive a política industrial, ou o saneamento da ría. «A nosa prioridade vai ser atender os intereses estratéxicos da provincia. Precisamos un plan para incentivar a política industrial», dixo Paloma Castro.

Tamén Galicia en común recolleu a proposta do fortalecemento da industria e a protección do emprego do sector do mar. «Consideramos que o reforzo e a protección de industrias produtivas e sectores históricos e estratéxicos de Galicia son elementos centrais». Non podemos deixar de mencionar as comarcas do Sur e Vigo e o que acontece co sector naval. «Hai que ter en conta o que fixo o PP durante estes once anos de deixar caer estaleiros históricos do país, vender mentiras con respecto a Barreras e Pemex e deixar caer Vulcano», explicou Iria Figueroa.

E mentres BNG e Galicia en Común apostan por unha economía intervencionista «decidida» na que o ente público saia ó rescate da industria galega, o candidato do PP considerou que «non queremos dirixir como déspotas ilustrados, nós queremos acompañar». «Aquí falouse de intervención en Alcoa, pois que se faga, que o faga o Estado se realmente se quere facer», subliñou.

Ás críticas dos grupos Román Rodríguez centrou o tema económico na diversificación da actividade económica galega e apelou ós datos arroxados polo turismo, e á importancia do sector servizos, o forestal e ó gandeiro. «Se estamos preocupados polo emprego como facemos unha lei de costas que pensa no Mediterráneo?», lanzou ós representantes dos partidos que gobernan en Madrid.

«Nós apostamos por unha política que aporte certezas, solucións, que sume e que sexa útil», engadiu.

Comentarios