jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Isabel Chapela: "Cando conto as mareas polas que pasei, flipan"

Isabel Chapela nunha campaña no caladoiro de Nafo (Canadá). DP
Isabel Chapela nunha campaña no caladoiro de Nafo (Canadá). DP
As campañas embarcada servíronlle a esta bióloga mariña para escribir o libro Nunca fuimos normales

Moañesa de 31 anos afincada en Pontevedra que pasa períodos no Atlántico. Esta bióloga con gusto pola escritura ten en marcha unha campaña de mecenado para facer posible a edición do seu libro Nunca fuimos normales. Para colaborar co proxecto, pódense doar 12 euros en concepto de compra a través de Internet (diversidadliteraria.com/isabel-chapela).

Escribiu un libro moi relacionado co seu oficio. Vostede é bióloga mariña e traballa embarcada. Como é o proxecto?

Foi a raíz de embarcar que comecei este libro, aínda que xa escribía de antes. Son relatos nos que falo de moitas cousas, dende a relixión á relación con persoas do meu entorno ou recordos. Hai un capítulo sobre a morte dunha persoa próxima mentres estou embarcada lonxe e sen poder despedirme, outros relacionados cos animais do mar... Tamén recollo a historia dun barco á deriva, que mandou unha mensaxe de mayday por un temporal e como o vivimos a bordo, pensando que nos podería ter pasado o mesmo.

Semella unha terapia.

Realmente é así. En moitos barcos non hai forma de comunicarse. Non hai cobertura, nin Internet, nin WhatsApp... Falas coa casa unha vez á semana. Escribir este libro foi como falar e desprenderme do que levaba na cabeza.

Pensei moitas veces que era un privilexio ser a única muller en moitas millas á redonda; pasan cousas incribles

Como decide unha bióloga dar o paso a embarcarse en pesqueiros sendo ademais a única muller a bordo?

Tocoume moitas veces ser a única muller no barco, que é un ambiente un tanto paleolítico, non quero dicir tampouco machista, pero estar alí sendo muller é difícil, diso tamén falo no libro. Eu estudei Ciencias do Mar e non tiña nin idea de que ía rematar embarcando. Por circunstancias da vida presentouse a ocasión, enviei un currículo e chamáronme. Nese momento estaba dando clases particulares e lanceime. Empecei en maio de 2017.

Que ten que facer no seu traballo?

Fixen algunha campaña oceanográfica, pero a maior parte das que fago son en barcos de pesca, collendo mostras das especies principais que eles pescan para vender. Logo teño que enviar datos dos exemplares ao Instituto Oceanográfico.

A que caladoiros adoita ir?

A primeira vez fun a Noruega, a Svalbard, por enriba do círculo polar. Tamén estiven en Hatton Bank, que está ao Norte de Irlanda, tirando cara ao centro do Atlántico. Pero a maioría das veces estiven en Canadá, no caladoiro de Nafo, onde fora hai anos a coñecida como guerra do fletán.

Que dificultades atopa alí?

O tema da incomunicación é unha dificultade, por suposto, pero tamén vivir nun entorno tan xerarquizado. Ao final entendes que a xerarquía é necesaria, pero ás veces sentes que estás no exército. Por outra parte, hai ambiente de familia, aínda que eu vaia cada vez nun barco diferente, sempre me abren as portas. Se preciso algo, sempre teño axuda.

A parte boa tamén será descubrir paisaxes ou animais que doutro xeito non podería ver.

Se se conseguen suficientes persoas que compren o libro, poderei editalo a cor e poñer algunhas das fotos que fago. A verdade é que é un privilexio estar alí. Moitas veces penseino: son a única muller en moitas millas á redonda. Pasan cousas incribles, que tes que ir á fin do mundo para que ocorran.

Como por exemplo?

Pois ver cachalotes, baleas iubartas, peixes abisais, peixes negros, como os que na película de Buscando a Nemo levan unha lanterna... Esa especie vive a 1.200 ou 1.500 metros de profundidade e aquí é imposible atopala.

A moita xente daríalle vertixe enfrontarse a ese abismo do océano durante semanas de incomunicación. Nunca ten medo?

A primeira vez que embarquei, estaba no muelle en Vigo con dúas amigas que viñeron a acompañarme, pero a saída retrasouse e tiveron que marchar, polo que quedei soa. Houbo un momento no que pensei: "onde me metín?". Pero non había volta atrás. Logo vas asumíndoo, porque ademais o tempo vai descontando e é algo que ten fin, sabes que vas volver. Tamén é angustioso atoparte mal nun sitio que non é a túa casa sen poder falar coa túa xente. Tes que sacar moitísima forza interior.

Unha forza que non sempre se lle atribúe ás mulleres.

Eu fun notando a progresión dunhas campañas a outras. Ao principio noto como me reciben. Ven que es unha muller e pensan que vas de jauja, pero no momento que empezas a traballar ven que es unha máis. É como se de entrada non se dese por sentada a túa valía, que tes que demostrala sempre, pero cando fas o teu traballo descobren que somos tan válidas como os homes. É tamén unha maneira de que abran os ollos e vexan que somos capaces de pasar por todo iso. Cando lles conto aos capitáns todas as mareas polas que pasei, algúns flipan.

Isabel Chapela: "Cando conto as mareas polas que pasei, flipan"
Comentarios
ç