De cando Frida Kahlo fixo o Roteiro Castelao por Pontevedra

Escolares do CEIP Vidal Portela exercen de guías con alumnos vilagarciáns

A praza de San Xosé foi unha das paradas do roteiro. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera A praza de San Xosé foi unha das paradas do roteiro. OLGA FERNÁNDEZ

Os alumnos de 5º de Primaria do CEIP Vidal Portela exerceron de guías de luxo en Pontevedra ante os compañeiros de 6º do CEIP Arealonga de Vilagarcía de Arousa que aproveitaron a súa visita este martes ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil para percorrer un Roteiro Castelao do máis especial.

Ata o de agora só se coñecían por traballar xuntos na plataforma virtual eTwinning, xunto con socios doutros 13 países europeos, dentro do proxecto ‘Christmas Connections through Art 2017’, no que intercambiaron os seus traballos de investigación sobre artistas locais inspirándose na súa obra para o deseño de postais e outras actividades.

Con motivo do Día do Libro, deseñaron e confeccionaron un volume en formato acordéon "no que imaxinan unha viaxe de Frida Khalo á nosa cidade, onde visitan aqueles sitios que recolle o libro editado polo Concello Camiñadas con Castelao", explica Mela Rodríguez, titora do grupo pontevedrés.

2018042520533269500

LIBRO. Os vilagarciáns inspiráronse no artista de Rianxo para as súas postais e os pontevedreses traballaron a Moldes e a Khalo, protagonistas do libro. "Edificios históricos e prazas mudan a pedra gris por cores máis rechamantes, como se Frida ou Matisse pintaran a nosa cidade cun pincel máxico  cheo de luz e brillantes cores".

O roteiro especial Castelao iniciouse no Concello e percorreu aqueles lugares emblemáticos nos que Castelao deixou a súa pegada, como o Café Moderno, na praza de San Xosé; San Francisco ou a fonte da praza da Estrela.

Ao rematar o roteiro os escolares do Arealonga levaron unha copia do libro como agasallo. Nel aparecen acompañando a Frida, debuxados como se o mesmo Castelao fixera o seu retrato. A célebre frase da mexicana ‘Pies para que os quiero si tengo alas para volar’ serve de conxuro para que a artista teña ás e poida visitar Pontevedra. O espírito de Ravachol tamén aparece en cada páxina representado en forma de alebrije, figura característica da cultura daquel país. 
Así mesmo, está previsto que noutra data sexan os pontevedreses os que visiten Vilagarcía.