De cando Lores escoitaba o parte nunha Telefunken

Si Radio e a asociación Ondiñas gravaron un programa no colexio A Xunqueira 2 coa participación do alcalde, da presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, do director do Diario, Miguel Ángel Rodríguez, e da periodista de Pontevedra Viva Natalia Puga
Lupe Morillo, Miguel Ángel Rodríguez, Amparo Rodríguez y Natalia Puga. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Lupe Morillo, Miguel Ángel Rodríguez, Amparo Rodríguez y Natalia Puga. BEATRIZ CÍSCAR

O 15 de xaneiro de 2023 cumpriranse 90 anos da chegada da radio a Galicia, co nacemento en Santiago da primeira emisora, Radio Galicia, nove anos despois da pioneira española. Por este motivo, Si Radio e asociación Ondiñas, co apoio económico da Consellería de Educación, impulsaron o proxecto Radioemociónate, que onte chegou ao CEIP A Xunqueira 2 e que a vindeira semana recalará no colexio de Lérez.

A iniciativa consiste na gravación dun programa de radio e unha exposición didáctica con aparellos de radio antigos e uns paneis nos que se detallan as datas históricas do mundo radiofónico en Galicia e as súas voces máis destacadas ao longo destas nove décadas. Pero, sen dúbida, o que máis atrae á rapazada é o de converterse, por un día, en auténticos ases do xornalismo, preparando un guión e participando na gravación do programa, que posteriormente se poderá escoitar, en formato podcast, en Spotify e na propia emisora.

A locutora Amparo Rodríguez Ojea foi a mestra de cerimonias dun programa que se alongou durante hora e media e no que houbo catro protagonistas: o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a empresaria, deputada do PP no Parlamento galego e presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo; o director do Diario, Miguel Ángel Rodríguez, e a xornalista de Pontevedra Viva Natalia Puga. Todos eles responderon ás preguntas que lles tiñan preparadas, desde a súa relación coa radio a diversas cuestións sobre o seu traballo diario.

Intervención de Lores xunto ca presentadora. BEATRIZ CÍSCAR
Intervención de Lores xunto ca presentadora. BEATRIZ CÍSCAR

Deste xeito, Fernández Lores lembrou que de pequeno escoitaba a radio á hora da merenda e da cea, "unha Telefunken enorme". A súa familia non perdía nin "o parte nin o tempo". As súas experiencias como médico e como alcalde, así como o modelo de cidade, centraron a súa intervención, na que non faltaron os chistes.

Murillo deu boa conta da súa apretada axenda e deixou claro que nunca sentiu falta de respecto por ser muller, pois "tampouco me deixo asoballar; cando falo, os homes saben que teño razón", mentres que Rodríguez e Puga abordaron a súa experiencia xornalística ("os periodistas somos curiosos profesionais", apuntou o director) pese a que se trata dunha profesión denostada en España. "Todo o mundo se cre xornalista e nos dá leccións", lamentou.

Comentarios