"Cando sexamos maiores saberemos xestionar a nosa propia empresa"

Preto de 50 estudantes do CEIP de Xeve impulsaron tres cooperativas dentro do programa Depoemprende na escola
2020011719381637335
photo_camera Foto de familia do alumnado implicado nas tres cooperativas do centro. GONZALO GARCÍA

"Cando sexamos maiores saberemos xestionar a nosa propia empresa, se é que a temos", apuntan Lucas Blanco, Adrián Güimil, Juan Abelleira e Íker Portela, que forman a directiva de Revex, unha das tres cooperativas que operan no CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra dentro do proxecto educativo Depoemprende na Escola, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

Dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria (5.º e 6.º curso) e tamén ao de Educación Especial, consiste en que o estudantado crea e xestiona un modelo empresarial, elabora produtos e organiza a súa venda para participar no mercado conxunto que promove a Deputación e, de darse o caso, noutro no propio colexio ou na localidade. No mercado conxunto, que se celebra en maio, colaboran todos os centros participantes co fin de vender os produtos e parte dos beneficios obtidos destínanse a accións sociais.

A finalidade é promover a cultura emprendedora nas comunidades educativas, apoiar a adquisición das competencias profesionais do alumnado e ofrecerlle recursos ao profesorado para a promoción do sentido da iniciativa e o espírito emprendedor a través dunha proposta de aprendizaxe por proxectos.

Programa Depoemprende no CEIP de Xeve

O alumnado de 6ºA xa ten experiencia nestas lides. De feito, tanto Revex ("unimos a R de reciclar con Xeve ao revés") como C.Y.X. (de 6ºB) xa participaron nesta iniciativa en cursos anteriores. "Tentamos facer os produtos con materiais reciclados, aproveitándoos ao maximo", explica Lucas. Por iso, entre outros materiais, recollen nas súas casas cápsulas de café que logo converterán en "macetas e campaíñas e xogos como o tres en raia".

Na clase do lado están os 13 alumnos da Cooperativa Escolar Xeve (C.Y.X), cuxa directiva está formada por Alexandre Baliñas, Fabián Lema, Marcos Goldar e Angélica Barreira. "Hacemos objetos artesanales como pulseras, juegos, portateléfonos, marcapáginas...", explican. Xa son auténticos expertos. "Repartimos os cargos para empezar a funcionar como unha cooperativa e cada un achegou as súas ideas sobre o logotipo. Todo se somete a votación", subliñan. "Cando teñamos os produtos feitos porémoslles o prezo, dependendo do tempo que nos leve, do custe dos materiais, de cantos fagamos...".

Apuntan que son as mestras as que lles compran os materiais e que lles levan o recibo. "Os que se encargan da contabilidade páganllelo. Puxemos un investimento inicial de cinco euros cada un para facer un fondo para poñela en marcha. Empezamos coa cooperativa porque nos parecía unha boa idea ter a nosa responsabilidade, traballar en grupo... fomos á Deptuación a recoller o NIF, temos os libros de socios, de achega inicial e de recibos, por se acaso algún día faltan cartos".

Programa Depoemprende no CEIP de Xeve

Agora, en pleno proceso de fabricación, destacan que lles vai estupendamente. "Traballamos todos de maneira colaborativa e nunca nos pelexamos por ningún cargo nin tivemos problema".

A súa titora, Mónica Escalona, destaca que se trata "dunha experiencia moi boa" coa que "aprenden moito". "Teñen que facer os pedidos, as reservas, o estudo de mercado, levar a contabilidade...". O curso pasado organizaron no centro un mercado de Entroido como experiencia piloto para testar o éxito dos seus produtos e ver de darlle impulso a algún prototipo, sinala desde "o noso recuncho", donde aproveitan algunha clase de Plástica para avanzar no traballo. "Todos os produtos deben levar etiqueta co NIF, co uso, coa lista de materiais empregados e os prezos. Teñen que saber o que vale a man de obra" para fixar a cifra da etiqueta.

AUSTRALIA. Aínda que son tres cooperativas, a idea é xuntar os beneficios nun peto común. Del, o 20% ou 25% irá para as ONG que elixan e o resto destinarase a unha excursión de fin de curso para as tres clases implicadas.

O curso pasado as dúas cooperativas veteranas escolleron a protectora Os Palleiros como beneficiaria. Este ano decidirano máis adiante. Máis claro o teñen os 22 alumnos de 5º que debutaron este curso con Xeveshop. "Queremos axudar aos animais de Australia", damnificados polos incendios forestais "e a nenos con cancro", explican Carlota, Naara, Yara e Mateo, directivos da cooperativa máis recente.

"Elaboramos produtos artesanais respectuosos co medio ambiente, como cestas feitas con papel de periódico, chaveiros con corchos, tres en raia, bolis con rosas...". Admiten que este proxecto é "un pouco máis difícil do que pensabamos. Encargámonos de todo. Temos varios equipos: contabilidade, compras, loxística, marketing, deseño e publicidade, dirección, xestión e comunicación. Todos facemos algo".