Cans e donos de Pontevedra recibirán formación co obxectivo de converterse en modelo de educación

Benestar Animal e o club Diverti Cans colaboran nos primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina, que se desenvolverán en dous grupos de dez persoas durante os vindeiros catro meses
Marcos Rey con Carlos Souto e Diego Álvarez. CONCELLO
photo_camera Marcos Rey con Carlos Souto e Diego Álvarez. CONCELLO

A Concellería de Benestar Animal organiza os primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina despois de que Marcos Rey puxese en marcha a mediados de xuño o proxecto Bo cidadán canino, boa cidadá caninaNos talleres poderán participar unha vintena de cans e coidadores, divididos en dous grupos de dez. 

O curso será impartido por monitores do club canino Diverti Cans e constará dunha sesión semanal durante os vindeiros catro meses que terá lugar os xoves en horario de 20.00 a 21.00 horas e de 21.00 a 22.00 horas. Os obradoiros basearanse nun programa de dez probas de comportamento esenciais e ao seu remate os participantes serán sometidos a unha avaliación final coa que, se logran superar o 80% das devanditas materias, lles será concedido nun acto público un carné de aptitude e un chalecho/arnés de bo cidadán canino. 

O contido dos cursos foi presentado durante a mañá do xoves na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que acompañaron a Marcos Rey o máximo responsable de Diverti Cans, Carlos Souto, monitor experto no ámbito deportivo, e Diego Álvarez, monitor especializado nos eidos da obediencia e as modificacións de conduta. Segundo explicou o concelleiro de Benestar Animal, as sesións formativas desenvolveranse entre os días 9 de setembro e 2 de decembro “tanto nas instalacións do campo de agility de Couso (Lérez) como a través de clases itinerantes en diferentes puntos da cidade: os antigos terreos de Tafisa, a Praza de Europa (barrio de Monte Porreiro), a Alameda, a Praza de Amalia Álvarez, a Praza de Barcelos e a Praza da Constitución (Campolongo)”.

Cans e coidadores deberán realizar unha avaliación final en torno a dez probas esenciais para poder obter os seus carnés de aptitude e chalecos/arnés de bos cidadáns caninos

Para participar no curso para a Boa Cidadanía Canina, os cans deberán "estar censados en Pontevedra, ter ao día a cartilla sanitaria (vacinación e desparasitación), dispor dun microchip, ter unha idade canina de entre oito meses e tres anos, non ser CPP (Can Potencialmente Perigoso) e superar unha entrevista previa de valoración de conducta canina", segundo indicou Marcos Rey.

O conselleiro precisou que todas aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o día 9 de setembro a través do enlace apuntate.pontevedra.gal. As prazas serán cedidas por orde de inscrisión a todos os cans que cumpran os requisitos. Para obter máis información sobre a actividade, Diverti Cans puxo a disposición o número de teléfono 627 937 281.

PONTEVEDRA É PIONEIRA. Carlos Souto destacou que Pontevedra "é a primeira cidade galega en apostar polo título de Bo Cidadán Canino", fundamental para "aprender a convivir nas rúas". O responsable de Diverti Cans lembrou que "os cans non son xoguetes, non funcionan con pilas e teñen necesidades: cando se lle dá o que precisa, o can é outro". 

"Cando o curso remate, a xente que participe vai falar dun xeito moi distinto da súa mascota. A un can educado dá gusto levalo a pasear ou tomar con el unha cervexa nunha terraza. A nosa intención é que Pontevedra sexa unha cidade exemplar no mundo canino", afirmou Souto. 

Diego Álvarez, pola súa parte, precisou que "o principal problema dos cans hoxe en día é o estrés" e agarda que os cursos permitan rematar con "conceptos erróneos" sobre os animais. 

diverticans

Comentarios